Servizos. Case un cento desenvolverán o seu labor en concellos de Área, Costa da Morte e Barbanza de menos de vinte mil habitantes // A Deputación aportará este ano 8,3 millóns de euros cos que financiará máis de 386.000 horas TEXTO J. Lavandeira

Reforzarán a axuda no fogar na provincia con 177 profesionais

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Á esquerda, profesionais do Servizo de Axuda no Fogar que dan cobertura aos veciños e veciñas do concello de Fisterra. Foto: Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña afianza a súa aposta polos servizos sociais e reforza os programas de protección ás persoas nos municipios coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros que permitirá financiar 386.823 horas de axuda no fogar e contratar a 177 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Así o anunciou o presidente, Valentín González, quen destacou que a Deputación financia hoxe 100.000 horas máis de Servizo de Axuda no Fogar que hai dous anos. “Trátase dun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes, que ademais dá emprego a máis dun cento de persoas na provincia”, dixo.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión do Programa de Servizos Sociais Comunitarios para o ano 2022, ao que concorreron todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no domicilio.

O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o mandato de Valentín González dos 4 aos máis de 8,3 millóns deste 2022. Este programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou por mor da pandemia da covid. A Deputación financiará este ano 386.823 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.

A cifra supón un incremento de case 100.000 horas con respecto ás 290.000 horas financiadas pola Deputación en 2020, e de 15.000 horas en relación ás 370.000 do pasado ano. En 2022, a institución provincial financiará 70.033 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.873 nos do Barbanza, 79.802 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 102.605 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 82.509 nos de Santiago.

O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 177 profesionais do eido social, dos cales 21 traballarán na comarca de Barbanza e Muros-Noia, 35 na Costa da Morte e 38 na Área de Compostela. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

Finánciase o 100 % do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 € ó ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

Formoso destacou o incremento de traballo que supuxo a crise da covid, coa que “moitos municipios tiveron que asumir maior carga” e agradeceu o traballo que desempeñan “os profesionais, que buscan solucións diarias e sen os que as persoas máis vulnerables non poderían desenvolver o seu día a día”. Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou a necesidade de “estar coa xente que máis o necesita, ofrecéndolle as mellores prestacións posibles para mellorar a súa calidade de vida, independentemente do lugar onde residan”.