Reforzarán o abastecemento a catro núcleos da Laracha

Servizos municipais
Manuel Lavandeira
Casa do Concello da Laracha

A Laracha. O Concello da Laracha iniciará nos próximos días o proceso de contratación do proxecto dirixido a reforzar o servizo de abastecemento de auga potable nos lugares da zona alta da parroquia de Cabovilaño.

A actuación deseñada ten por finalidade aumentar o caudal da traída da rede que abastece ás vivendas situadas nos núcleos de Nogán, Cardois, Xeriz e A Teixoeira. Neses lugares detectouse que, de xeito puntual e unicamente cando se producen os picos de maior consumo coincidindo coa época estival, a presión da auga é insuficiente.

Esta problemática resolverase coa instalación dun bombeo equipado cun variador de frecuencia que permitirá, de modo automático, adaptar as condicións do subministro ás necesidades que se presenten en cada momento, asegurándose así a prestación do servizo con plena garantía de calidade durante todo o ano.

A execución do proxecto será financiada integramente con fondos propios municipais. Paralelamente, o Concello ten en fase de estudo e análise outras localizacións rurais nas que se mellorará e ampliará o abastecemento.

NOVOS DEPÓSITOS. Neste sentido, a próxima construción de novos depósitos de cabeceira coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia (cun investimento previsto de 1.850.000 € entre 2022 e 2023) permitirá nun futuro a medio prazo ampliar notablemente a cobertura deste servizo. M. L.