Rego reclama ao Goberno a humanización da N-550 no tramo Padrón-A Ponte

O BNG presentou cinco emendas aos Orzamentos do Estado, por valor de seis millóns, tamén para por en valor Iria Flavia
Inversión publica
Sol Elvira
Rego e Beatriz Rei, á cabeza, camiñando xunto outros membros do BNG pola N-550 no tramo da Ponte. Foto: BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira municipal da formación en Padrón, Beatriz Rei, informaron das emendas presentadas aos Orzamentos do Estado para a localidade. Son un total de cinco emendas, por valor de seis millóns de euros, co obxectivo prioritario de mellorar a seguranza viaria en Padrón, proceder á humanización do paso da estrada N-550 polo municipio, e a posta en valor de zonas de importancia histórica e artística.

“Algunhas emendas reiteran demandas de vello, como é, por exemplo, a actuación para a humanización da N-550; pero tamén se inclúen outras moi importantes para o futuro do concello, como a referida a unha variante en Iria Flavia que permita retirar a maioría do tráfico deste entorno e poder realizar unha actuación para a súa protección e a humanización do entorno”, explica a voceira do BNG en Padrón.

Así mesmo, agradece o labor do deputado nacionalista no Congreso e reivindica o papel do BNG na Cámara baixa: “demostra que un só deputado do Bloque vale máis que centos doutras forzas políticas”, explicou Rego.

É dicir: os nacionalistas reclaman dar prioridade a cinco actuacións necesarias e urxentes “que contribuirán a mellorar a calidade urbana e, sobre todo, a calidade de vida e o benestar do conxunto dos veciños e veciñas” e que se cuantifican nun total de seis millóns de euros de investimento para Padrón.

Entre esas actuacións, Rego destacou a humanización e a mellora da seguranza viaria entre Padrón e A Ponte, unha vía que transcorre en todo o seu traxecto polo centro da vila cun elevado número de vehículos que circulan por ela a diario (entre vinte mil e trinta mil) con accesos e interseccións moi perigosas que carecen de beiravías transitables.

“Representa un perigo permanente tanto para os vehículos como para as persoas que teñen que camiñar e mesmo acceder ás súas vivendas”, explica. Trátase dunha vella demanda do Concello, e aínda que xa en 2009 se tiña redactado un proxecto, nunca chegou a executarse.

“Presentamos tamén unha emenda de 1,2 millóns para a construción dunha variante en Iria Flavia que evite que a N-550 atravese este núcleo que posúe un interese enorme dende o punto de vista histórico-artístico”, subliña Rego. Neste punto, atópanse a Colexiata de Iria Flavia, un monumento declarado Ben de Interese Cultural, e a Casa dos Coengos, sede da Fundación Camilo José Cela, así como o Museo do Ferrocarril.

“Esta variante permitiría facer un espazo moito máis valorizado e moito máis aproveitable dende o punto de vista humano”, reivindica o deputado nacionalista.

Así mesmo, Rego considera necesaria a actuación para mellorar a seguranza viaria, tamén na N-550, entre Iria Flavia e Padrón “para mellorar a seguranza no paso a nivel no Camiño Portugués” e reclama tamén unha partida para mellorar as ramplas deste porto da Ponte, competencia de Portos do Estado e que hoxe se atopa en estado de total abandono. “Entendemos que este conxunto de emendas, cunha cifra perfectamente asumible polo Executivo, é imprescindible porque atende necesidades perentorias”.