RExeneraCIÓN. As tarefas para evitar o avance do bosque que contribuía a cubrir de vexetación o montículo executáronse xa nun 19 % das 185 hectáreas nas que se actuará // As árbores que se cortan retíranse sen que toquen o chan TEXTO Suso Souto

Respira xa a duna de Corrubedo coa talla dos piñeiros que a freaban

Medio Ambiente
Suso Souto
entorno despexado. A duna móbil de Corrubedo xa se pode divisar dende a estrada xeral tras as primeiras tallas de piñeiros. Foto: Suso Souto

A emblemática duna móbil de Corrubedo (Ribeira) perdeu en sete anos (de 2008 a 2015), un total de 400.000 toneladas de area (case 270.000 m3) e a súa altura redúxose dous metros e medio en 14 anos, pois entre 2001 e 2015 pasou de 21 a 18,51 metros. O pasado mes de abril, a Consellería de Medio Ambiente iniciou os traballos cos que pretende frear o avance do bosque de piñeiros que durante as últimas décadas contribuiu ao incremento da vexetación sobre a duna, dado que impedía a súa mobilidade polo efecto do vento do nordeste. Unha masa arbórea que non existía hai dúas décadas cando a area da duna chegaba ata a estrada xeral.

Pois ben: o resultado deses traballos, que aínda continúan, xa permiten volver a divisar o montículo desde a estrada de Corrubedo.

Para a eliminación das árbores utilízase unha máquina procesadora que os levanta sen provocar ningún dano ao terreo, por canto non caen ao chan. Logo son retirados do lugar seguindo un trazado predeterminado e empregando maquinaria na menor medida posible. Todo o piñeiral que se observa á dereita da duna dende o aparcamento, desaparecerá. A madeira entrégaselle ós comuneiros do parque natural.

Este proxecto de restauración ecolóxica do Parque Natural de Corrubedo e das lagoas de Carregal e Vixán, que conta cun financiamento de 400.000 €, ten unha duración de 18 meses. A actuación consiste fundamentalmente na eliminación de especies arbóreas que invaden a contorna da duna (piñeiro marítimo ou Pinus pinaster), de rexeneración natural e que colonizaron este hábitat prioritario. Abrangue unha superficie de 184,71 hectáreas.

Nun ámbito de 121,07 hectáreas, os traballos consisten no arrincado e roza manual dos exemplares mozos das especies a eliminar, principalmente piñeiros. No ámbito restante, que acada as 63,64 hectáreas, lévase a cabo unha actuación intensiva de corta, derramado, tronzado, amoreado de restos, retirada da madeira ata cargadeiro, astelado das trozas e retirada final de todo resto de piñas e acículas de piñeiro para evitar así o rexenerado mozo natural da masa arbórea e evitar a colonización do sistema dunar.

Ata o de agora, lévase executado o polígono 4, na contorna da charca de Olveira, no que se restauraron un total de 25,98 hectáreas, e estase a traballar nos polígonos 1 e 2, que son os piñeirais próximos a Corrubedo.

Neste pasado mes de xullo, actuouse en 8,5 hectáreas no monte Campos de Olveira (traballos de apeo, derramado, tronzado, amoreado das toradas, retirada da madeira ata cargadeiro e o astelado de restos). En xeral, ata o de agora, actuouse en 35 hectáreas (cifra que supón o dezanove por cento do total da superficie a restaurar).

ESPECIES AMEAZADAS. A recuperación do ecosistema natural permitirá garantir unhas boas condicións de hábitat para as especies que se localizan neste espazo, como a píllara das dunas, o pernileiro ou o sapo de esporóns, así como plantas dunares endémicas, como a Iberodes littoralis Subsp. gallaecica e a orquídea Spiranthes aestivalis, que están incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

delegribeira@elcorreogallego.es