A Laracha. Preténdese facer máis humano e seguro o espazo urbano, habilitando beirarrúas máis amplas e renovando o mobiliario // No recinto celébrase cada ano a tradicional Feira das Cereixas, declarada de Interese Turístico TEXTO M. Lavandeira

Revalorizan en Paiosaco a contorna do emblemático campo da feira

Urbanismo
Manuel Lavandeira
Gonzalo Trenor, en primeira fila, á esquerda, acompañado do alcalde da Laracha, durante a súa visita á contorna do campo da feira. Foto: Xunta

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, e concelleiros da Corporación local, supervisou o avance das obras de mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco, unha actuación que é posible grazas á sinatura do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello por un importe de 130.000 euros.

Os traballos consisten na creación duns espazos urbanos máis amables para os peóns, dotándoos dunha maior comodidade e seguridade grazas á ampliación de beirarrúas, creando incluso un tramo novo nas proximidades do campo da feira.

A intervención céntrase nas rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro así como na propia praza do campo da feira, en pleno núcleo urbano e, polo tanto, nunha zona moi frecuentada pola veciñanza de Paiosaco.

Ademais da mellora da imaxe xeral da contorna mediante a renovación do mobiliario urbano, tamén se acometeron as obras necesarias para dotar ás rúas Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro dunha rede de de recollida de augas pluviais.

POLÍGONO. Por outra banda, a Xunta tamén financia o proxecto de mellora da sinalización no ámbito do parque empresarial, que se atopa actualmente en fase de execución. Esta ampla actuación deseñada polo Concello e cofinanciada pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia presenta dúas liñas de intervención diferenciadas. Por unha parte está a sinalización horizontal que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén están a ser remarcadas as prazas de estacionamento, bordillos, pasos de peóns, cebreados, símbolos (ceda o paso, stop, etc) e frechas. En total son 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.

A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como nas estradas próximas a el, neste último caso para informar aos condutores sobre a dirección que deben seguir para chegar ao polígono industrial da Laracha. O orzamento sitúase en torno aos 50.000 euros.