Ribeira e O Son incentivan as contratacións do alumnado no taller de emprego con 1.500 €

Deberán formalizarse entre os días 22 de xullo e 12 de agosto // A duración mínima estipúlase en tres meses, a tempo completo
Contratación
Suso Souto
TAHÚME VII. Un grupo de alumnos do obradoiro de emprego Tahúme VII. Foto: C. de Ribeira

O pasado luns día 27 publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva a través de incentivos á contratación temporal por conta allea do alumnado do obradoiro de emprego dual Tahúme VII, que está próximo a finalizar e que promoven os concellos de Ribeira e Porto do Son.

Cando remate o obradoiro, o alumnado adquirirá os certificados de profesionalidade de Operacións auxiliares en conservación e mellora de montes, de nivel un, e de Pintura industrial en construción, de nivel 2, titulacións que se atopan recoñecidas.

As contratacións temporais terán que formalizarse, con carácter xeral, entre os días 22 de xullo e 12 de agosto de 2022. Deberán ter unha duración mínima de tres meses a tempo completo, e o importe do incentivo será de 1.500 euros por cada contratación realizada.

As empresas interesadas deberán presentar a requirida documentación conforme ás bases da citada convocatoria no Concello de Porto do Son a través da sede electrónica, antes do catro de xullo.