Ribeira festexará o Entroido con vinte actividades, incluídos catro concertos

Actuarán SonDaRúa e os grupos locais Amores de barra, Leite con jalletas e
Os juapos // Haberá inchables, obradoiros e animación musical para os cativos
Entroido
Suso Souto
LEITE CON JALLETAS. Integrantes do grupo local Leite con jalletas, que actuará o vindeiro luns día 28 a partir das nove e media da noite no Paseo do Malecón de Ribeira, nun triplo concerto xunto ás bandas Amores de barra e Os juapos, no marco da programación municipal do Entroido. Foto: Leite con Jalletas

Unha vintena de actividades integrarán a programación que para o Entroido deste ano organizou o Concello de Ribeira e que foi presentado pola concelleira de Cultura, María Sampedro. A edil explicou que, dado que houbo que suspender o festival de murgas e comparsas tras a consulta realizada a entidades e asociacións que tradicionalmente participaban e que non estaban a ensaiar por mor da pandemia, optouse por ofertar novas actividades descentralizadas, por exemplo festivais infantís en Aguiño e Palmeira, e espectáculos familiares en Carreira e Artes.

Mantense non obstante o enterro do Felipe para o mércores dous de marzo, que este ano eríxese nunha das propostas estrela. O moneco foi realizado polos usuarios do taller de carpintería da Unidade de Atención a Drogodependencias (UAD), capitaneados por Manolo Casais.

Faise ademais unha gran aposta pola música, e para animar estas datas contarase con animación musical todos os días ao ritmo das charangas o Santiaguiño de Padrón e BB+, que percorrerán as rúas e prazas da cidade en distintos horarios.

Tamén hai que destacar o concerto do grupo SonDaRúa titulado como o seu disco, Eterno Combate (o sábado 26 de febreiro ás 21.30 horas no parque García Bayón) ou o triplo concerto dos grupos locais Amores de barra, Leite con jalletas e Os juapos, que se celebrará o luns 28 de febreiro a partir das 21.30 horas no Paseo do Malecón.

A poboación infantil segue a ser protagonista de diversas actividades a base de festas con inchables, obradoiros e animación musical, nas que quenes vaian disfrazados recibirán lambetadas e rifas para o sorteo dun agasallo sorpresa en combinación coas tres últimas cifras do Sueldazo da ONCE do domingo 6 de marzo. Estas festas terán lugar de cinco a oito da tarde o sábado 26 en Aguiño, o martes 1 de marzo en Ribeira con desfile e entrega de diplomas, e o sábado 5 en Palmeira.

taller de maquillaxe. Tamén haberá un gran espectáculo teatral, A nena que quería navegar, de Redrum, programado para o domingo 27 de febreiro no auditorio ás 19.00; a exhibición de baile e obradoiros de maquillaxe a cargo da asociación Alfaia ese mesmo día ao longo da tarde no Espazo Municipal de Usos Múltiples; un contacontos a cargo de Caxoto o luns vinte e sete de febreiro ás seis da tarde na parroquia de Carreira ou o espectáculo musical de Magín Blanco o domingo seis de marzo á mesma hora en Artes.

O luns 28 de febreiro e para animar a xornada, véspera de festivo, un tren infantil percorrerá as rúas da cidade dende as once da mañá ata as oito da tarde. Media hora despois, ás 20.30, comezará o concurso de disfraces para maiores de 18 anos polos locais de hostalería participantes, convocado en colaboración coa asociación de hostaleiros e no que se repartirán 1.775 euros en premios.

RUTA DE TAPAS. As bases completas deste concurso están na web do Concello. En colaboración coa hostalería tamén se retoma a ruta de tapas do Entroido, que nesta quinta edición se amplía a dúas xornadas e terá lugar o sábado cinco e o domingo seis de marzo.

comarcas@elcorreogallego.es