Varios arqueólogos din que os prezos da licitación do proxecto, sondaxes e control das obras do recinto industrial están “moi por debaixo do mercado” // O Concello dedica vinte e oito mil euros ós traballos, que incluén sesenta e catro catas TEXTO S. S.

Ribeira sondea o novo polígono: canto custa salvar unha mámoa?

Arqueoloxía
Suso Souto
O TÚMULO. Localización da mámoa de Pedras Vermellas, que quedará dentro do novo polígono de Ribeira.

Cando un elemento patrimonial se cruza no medio dun proxecto de urbanización, ou, mellor dito, cando un proxecto de urbanización se cruza cun elemento patrimonial, non entran en xogo valoracións persoais, senón a lei. E a lei di que hai que catalogalos e protexelos. O Concello de Ribeira tardou anos en atopar os terreos axeitados para construír o novo polígono empresarial, de 258.000 m2. O lugar elixido é Pedras Vermellas, onde existe unha mámoa, localizada en 1992, recollida no PXOM e, consecuentemente, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. O túmulo, que ten uns once metros de diámetro, quedará emplazado dentro do recinto industrial.

A Xunta emitiu unha serie de informes, establecendo as condicións para a execución do proxecto, entre as que figuran a execución de sondaxes arqueolóxicas (mecánicas e manuais) e un control arqueolóxico dos movementos de terra a realizar.

En consecuencia, o Concello sacou un prego de prescricións técnicas para a contratación dos traballos arqueolóxicos. Pero un grupo de arqueólogos denuncian (a título particular) que a valoración económica relativa ao proxecto e, sobre todo, a relativa á redacción de informes e/ou memorias, está moi por debaixo dos actuais prezos de mercado. Ao respecto, indican que no prego de licitación establécense as partidas destinadas ós distintos conceptos obxecto da contratación por un total de 23.232 €: un equipo dirixido por unha persoa con titulación en Arqueoloxía (2.500 €); redacción do proxecto arqueolóxico (400 €); informe e/ou memoria (540 €); a realización de 64 catas (10.880 €); e a realización de 64 sondaxes mecánicas (4.480 €), ao que hai que engadir os 4.032 € do 21 % do IVE.

“Se temos en conta a valoración recollida nos mesmos pregos relativa ao control arqueolóxico (150 € máis IVE por cada xornada de control), sairíanos que á elaboración da memoria das sondaxes manuais e mecánicas (128 m3 en total), teríamos que dedicar un máximo de 3,6 días (incluíndo a elaboración de planimetrías, descritiva da estratigrafía, elaboración das conclusións, preparación da documentación gráfica, estudo de materiais, etc.)”, din.

Engaden que “aparentemente, non se está a cumprir o convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica”, que establece que as sondaxes se realizarán con, polo menos, 5 operarios. “Se isto é así, precísase un director e un técnico. No caso do director si que aparece orzamentado, mais non o técnico que sería necesario que tamén formara parte do equipo de escavación”, explican.

Ademais, denuncian que “ non se teñen en conta partidas necesarias e habituais nunha intervención arqueolóxica, como unha destinada ao estudo de material, procesado e estudo de mostras, ou gasto en material funxible. Tampouco se ten en conta que se precisará un sistema de posicionamento global ao ser preciso traballar en coordenadas absolutas”. Consideran que “o único criterio para a adxudicación dos traballos é a oferta económica máis vantaxosa para os intereses do Concello” e din que “non se entende que a día de hoxe o proceso de contratación non fora aínda paralizado polos servizos de inspección da administración competente”.