Salimat e Turexpo xeraron dúas mil cincocentas reunións de negocio

Nelas participaron 18 compradores e 38 turoperadores de diferentes países // Semana Verde pecha hoxe as súas portas tras tres días de intensa actividade
Ferias
Sol Elvira

Un total de 2.500 reunións de negocio propiciaron estes días os salóns turísticos e de alimentación, Turexpo e Salimat, celebrados dende o venres no marco da 43ª Feira Semana Verde de Galicia, que pecha este domingo as súas portas en Silleda tras tres días de intensa actividade.

O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que celebra a súa 24ª edición, volveu contar o venres e o sábado pola mañá cos Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presentes no certame, especialmente Pemes, a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.

No seu marco mantivéronse 600 reunións de negocio, nas que 70 empresas presentes na feira mostraron os seus produtos a 18 importadores e distribuidores alimentarios de oito países: Dinamarca, España, Francia, México, Portugal, Países Baixos, Reino Unido e Suíza. Destes participantes, catorce foron importadores e catro compradores nacionais, correspondéndose estes últimos cun distribuidor e tamén cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no noso país, como son Carrefour, Gadisa e El Corte Inglés.

En xeral, as impresións tanto entre os compradores como entre as empresas vendedoras foron moi positivas, segundo a organización.

Ademais das reunións de negocio, os Encontros Internacionais de Compradores incluíron o pasado xoves unha actividade na que participaron a maioría de importadores e distribuidores. Esta consistiu en visitas a unha empresa conserveira, unha adega e unha queixería.

Pola súa banda, o X Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2021, contou coa súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, que volveu converterse nunha efectiva plataforma de negocio para o sector. Así, no seu marco celebráronse en torno a 1.900 reunións de negocio entre preto dun cento de empresas e 38 turoperadores con presenza en once países: Alemaña, Bulgaria, EEUU, España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza e Ucraína, xa que dous dos operadores non puideron asistir finalmente a este evento feiral por distintos motivos.

As empresas turísticas puideron mostrarlles detalladamente as súas propostas, co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que farán aos seus clientes nos países nos que contan con oficinas. En canto aos operadores turísticos, trasladaron á organización que a Bolsa superou as súas expectativas, tanto polo número de empresas participantes como pola gran variedade de propostas.

Así mesmo, destacaron a importante presenza de entidades portuguesas nas mesas de negocio, o que lles permitirá ofertar un destino que inclúe dous países.

Por outra banda, subliñaron as medidas de seguridade, que contemplan, entre outros aspectos, a separación con mamparas e múltiples puntos de hixienización.

Finalmente, as empresas que mostraron propostas aos operadores tamén expresaron unha gran satisfacción e expectativas de negocio.