A primeira locomotora que circulou entre Santiago e Carril, estrela do Museo do Ferrocarril de Padrón, será rehabilitada // Organizaranse unha mostra itinerante sobre o Nobel e actos polos oitenta anos de ‘La familia de Pascual Duarte’ TEXTO S. S.

‘Sarita’ relucirá no vixésimo aniversario da morte de Cela

Museo del Ferrocarril
Suso Souto
o avó. O padronés Camilo José Cela, sendo un neno, nos brazos de seu avó. Foto: Fundación C.J.C.

A Xunta de Galicia conmemorará en 2022 o vixésimo aniversario do pasamento de Camilo José Cela, unha celebración que difundirá o legado do Premio Nobel e da casa-museo de Iria Flavia como centro cultural de referencia. Así se acordou na xuntanza do Padroado da Fundación Cela, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Algunhas das propostas previstas son a realización dunha exposición itinerante para afondar nas diferentes facetas de Camilo José Cela, que percorrerá as principais cidades galegas.

Tamén se celebrará o oitenta aniversario de La familia de Pascual Duarte, unha das principais obras do autor, con eventos específicos arredor dela, como unha mostra e unha xornada académica.

Asemade, na xuntanza anunciouse que en 2022 se vai iniciar o proceso de rehabilitación e musealización da locomotora coñecida como Sarita, peza principal do Museo do Ferrocarril que forma parte do Museo Camilo José Cela de Padrón, co obxectivo de integrala na museografía exterior deste espazo.

O pasado 11 de xuño conmemoráronse trinta anos da inauguración da Fundación Camilo José Cela. Foi un 11 de xuño de 1991 cando os Reis don Juan Carlos I e dona Sofía acompañaron ao escritor na posta en marcha da súa fundación, co que ese día, segundo as palabras de Cela, “faise realidade o meu soño de devolver á terra galega todo canto me deu e que é a fidedigna mostra, o inequívoco sinal de que vivín”.

En 1873 inaugurouse o primeiro ferrocarril que circulaba en Galicia, construído para unir a Santiago co porto de Carril, na ría de Arousa. Aínda que o percorrido era de tan só 43 quilómetros, necesitáronse 13 anos para a súa construción, dadas as dificultades para atopar o diñeiro necesario nunha rexión pobre e illada. A liña, que fora proxectada polo enxeñeiro inglés Thomas Rumball e construída polo seu compatriota Hohn Sthephenson Mould, logrou terminarse grazas á compañía Credit Company Limited, que se converteu na principal accionista e enviou a Santiago o mozo londiniense John Trulock para que se fixese cargo da súa xerencia. Na súa casa de Iria Flavia (Padrón) naceu o seu neto, o escritor Camilo José Cela Trulock, galardoado co Nobel de Literatura en 1989 e que, orgulloso das súas orixes familiares, creou en 1996 un pequeno museo, ao que lle puxo o nome do seu avó e co que pretendeu recuperar a memoria histórica daquel primeiro ferrocarril galego.

O Museo Ferroviario John Trulock, hoxe integrado dentro do Museo Camilo José Cela e coa colaboración da Fundación de Ferrocarriles Españoles é un espazo único no que se poden atopar todo tipo de pezas históricas, entre as que destacan a colección de farois, o tapiz da compañía The West que colgaba no despacho do xerente en Vilagarcía de Arousa e un Ford-T de 1917 igual ao que tiña John Trulock e que foi o primeiro coche que circulou por Padrón.

Sarita, a primeira máquina de vapor de orixe inglesa que empezou a percorrer a liña entre Santiago e Carril e que hoxe se atopa nas inmediacións da sede da Fundación Camilo José Cela, foi fabricada pola compañía Hunslet para o ferrocarril portugués da Beira Alta. En 1886, o xerente da compañía lusa regaloulla a John Trulock. En 1968 trasladouse á antiga sede do Museo do Ferrocarril de Madrid, e en 1990 a Fundación de Ferrocarrís Españois cedeulla á Fundación Cela. Alí, co tempo, foise deteriorando.