Melloras de parques, estradas e servizos en seis concellos da Costa da Morte

Acolléronse ás axudas autonómicas Cabana, Coristanco, Muxía, Dumbría, Malpica e Vimianzo // Investiron máis de 203.000 €
Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Gonzalo Trenor, esquerda, co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, terceiro, no parque infantil de Santa Marta. Foto: X.

Seis concellos da Costa da Morte víronse beneficiados en 2022 das axudas da Xunta para a creación e mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O investimento total ascendeu a 203.879,54 euros e a aportación autonómica acadou os 142.715,67 euros.

Así o confirmou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita a Coristanco, onde, na compaña do alcalde, Juan Carlos García, supervisou as melloras realizadas neste municipio. Executáronse as obras de subministración de trial de aventura para a área recreativa da Rocheira e renováronse os xogos do parque infantil de Santa Marta-Traba. En total investíronse 48.353 €, e a Xunta aportou 38.847 €.

Os outros concellos beneficiarios foron os de Dumbría e Vimianzo, co acondicionamento do viario entre Regolle e Manlle (62.500 €); Muxía, que acometeu melloras de equipamentos municipais (14.413 €); Malpica de Bergantiños, que empregou a axuda para dotar de mobiliario e equipamento ó centro de día municipal (30.220 €); e Cabana de Bergantiños, que reparou e mellorou o parque infantil de Lodeiro (48.392 €).

Trenor anunciou ademais que o pasado xoves 19 de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria correspondente a 2023, que mantén o orzamento de 3,5 millóns no marco do compromiso do Goberno galego coas administracións locais.

Segundo explicou, a través desta liña de axudas a Xunta colabora cos concellos nas obras relacionadas coas redes de luz pública, a pavimentación de camiños e os parques infantís, así como as executadas nos edificios ou dependencias municipais.

Neste último caso, inclúese tamén como gastos subvencionables a adquisición de equipamento, como mobiliario e material informático ou audiovisual. O financiamento pode chegar a cubrir ata o 80 % do orzamento do proxecto.

O delegado autonómico subliñou que esta liña de axudas pon de manifesto “o compromiso da Xunta coas administracións locais como entidades máis próximas á cidadanía. Trátase así de garantir o equilibrio no territorio entre o medio rural e urbano".