INFRAESTRUTURAS. Un terzo do investimento será para ampliar a DP 7402 entre Martelo e Aguasantas, en Rois // En Cee reforzarase a seguridade en Bermún // Deputación e Concello acometerán a terceira fase da travesía de Sísamo TEXTO J. Ramos

Seis millóns para a mellora da rede de estradas da provincia da Coruña

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Primeiro tramo da travesía de Carballo a Sísamo, que será completada cunha terceira fase na que se investirán máis de 1,7 millóns. Foto: D. Coruña

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este mércores, por unanimidade, investimentos na rede provincial de estradas por importe de 5,9 millóns de euros nos concellos de Rois, Cee, Miño, Cambre, Narón e Carballo. Entre eles destaca o novo proxecto de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP 7402 de Martelo a Aguasantas, no termo municipal de Rois, cun orzamento de 2.041.188 euros que o sitúa como o maior investimento proxectado até o momento na rede provincial de estradas para 2023.

As obras desevolveranse entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+543 e incluirán a ampliación da plataforma da estrada ata os 9 metros de ancho, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, arcéns de 0,5 m. e berma de 0,5 metros. Executarase ademáis a mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes para permitir un tráfico máis seguro e fluído.

Estas obras mellorarán a seguridade do tráfico, xa que a estreitez actual e o trazado perigoso dalgunhas curvas fai que moitos vehículos, especialmente o tráfico pesado, use itinerarios alternativos que supoñen importantes rodeos.

Tamén se aprobou o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP- 2303 en Bermún (Cee), que conta cun orzamento de 647,220,11 euros. A actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros.

Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.

En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.

O pleno aprobou tamén un investimento de 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 € a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería. A colaboración para esta obra articúlase a través dun convenio.

As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monte Neme e continúan até o final do vial no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesa liña das dúas fases xa desenvolvidas: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidraúlica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de tecnoloxía LED de aceiro inoxidable.