Senda Nova transforma os camiños e hortas en aulas da súa escola ambiental

Achegarán aos escolares ao patrimonio cultural, ecolóxico e paisaxístico
Formación
José M. Ramos
Nenas e nenos da Escola Ambiental de Senda Nova durante unha das saídas de campo nunha edición anterior. Foto: S. Nova

Dez anos avalan a traxectoria da Escola Ambiental de Senda Nova, que naceu co fin de achegar aos máis cativos ao patrimonio que teñen moi preto das súas casas e que “nunha gran maioría dos casos descoñecen a súa existencia e a súa gran importancia”, sinalan dende a asociación.

Agora veñen de abrir o prazo de inscrición para a décimo primeira edición, que botará a andar en novembro e desenvolverase todos os sábados ata o mes de xullo no Espazo de Natureza de Oza (Carballo). Este será o campamento base onde se impartirán as clases teóricas, pero o outro módulo destacado da formación terá como escenario a horta ecolóxica de Senda Nova e os camiños, corredoiras e montes polos que os nenos e nenas seguirán pegadas e indicios, farán pernoctas ao aire libre, practicarán sendeirismo e desfrutarán de observacións ornitolóxicas, entre outras moitas actividades.

Sabedores de que estes nenos e nenas serán, nun futuro moi próximo, os encargados de potenciar e dar a coñecer todo o patrimonio da súa contorna, no colectivo ambiental, que preside José M. Menéndez, teñen claro que “para iso, primeiro son eles os que se teñen que achegar a el”.

Con tal fin, a Escola Ambiental achegaraos a lugares tan especiais como ás férvedas de Rus e Entrecruces, ou o espazo natural, ecolóxico e social de Razo-Baldaio, pero tamén coñecerán a importancia dos ríos e bosques percorrendo o fascinante espazo forestal autóctono da Ribeira da Pena. Asemade, descubrirán como vivían os poboadores dos castros, que tiñan abundantes asentamentos na comarca de Bergantiños.

Aprenderán a desfrutar da natureza, aínda que chova, e observarán aves que percorren Europa para vir a gozar da lagoa de Baldaio. Todo elo complementarase con encontros interxeracionais para que coñezan como traballaban a terra e coidaban dos animais os avós e as avoas.