Infraestruturas. As actuacións centráronse na creación de rutas, a mellora da accesibilidade, aparcadoiros para autocaravanas e a minimización de impactos // Os concellos aproveitaron o plan de axudas convocado pola Xunta TEXTO J. M. Ramos

Sete espazos da Costa da Morte reforzaron o seu valor turístico

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
José Manuel Pequeño, á esquerda, Antonio Santamaría e Gonzalo Trenor no Ézaro. Foto: Xunta de Galicia

Sete concellos das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra resultaron beneficiados o pasado ano coas axudas concedidas pola Xunta de Galicia para a mellora das súas infraestruturas turísticas. En total foron distribuídos 132.407,04 euros para actuacións acometidas en Carballo, Cee, Dumbría, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou este xoves as melloras acometidas no Ézaro (Dumbría), onde se levou a cabo a reparación da pasarela de acceso á fervenza. Neste caso o investimento ascendeu a 30.000 euros. Na súa visita estivo acompañado polo alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e polo portavoz do PP, Antonio Santamaría, entre outros.

Pola súa banda, o Concello de Carballo recibiu unha axuda de 4.679,68 euros para a instalación dunha mesa panorámica accesible no mirador de Vilela. A través da mesma os visitantes poden coñecer todos os secretos da costa carballesa a través dun smartphone, xa que a mesa ten integrada unha antena NFC que permite obter información con só achegar o dispositivo móbil ao panel. Deste xeito os interesados poden descubrir os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona, tanto a través de textos como de fotografías, audios e vídeos.

En Cee, o concello empregou a subvención de 11.364,93 euros para colocar cubrecontedores coa fin de minimizar o seu impacto nos tramos polos que discorre o Camiño de Santiago cara Fisterra. Na Laracha acometeuse a rehabilitación e mellora da accesibilidade ao entorno turístico de Gabenlle, para o cal a Administración local recibiu 28.010,85 euros, namentras que en Ponteceso destináronse 30.000 euros para habilitar un aparcadoiro de autocaravanas na vila de Corme.

Na Terra de Soneira, o Concello de Vimianzo investiu a axuda de 8.448,58 euros na creación dunha ruta de sendeirismo pola Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a cal foi debidamente sinalizada e facilita o acceso ás rochas máis singulares do macizo granítico que comparten os municipios de Vimianzo e Laxe. No veciño concello de Zas, acometeron unha actuación semellante para crear, sinalizar e homologar a Ruta da Auga valéndose dunha subvención de 19.903 euros e das fermosas paisaxes naturais, tres fervenzas e un rico e variado patrimonio que se conserva ao carón dos seus ríos.

A maiores, o Concello de Cerceda tamén recibiu 30.000 euros desta liña de axudas, que foron empregados na dotación de accesibilidade e mellora da iluminación ornamental do xardín botánico.

NOVA LIÑA. Todas as actuacións financiadas con esta liña de axudas buscan a posta en valor turístico dos recursos, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños que seguen a ter o seu prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 18 de outubro.

A través desta liña a Xunta financiará o 100 % das actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos; eliminación de barreiras arquitectónicas ou sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna, entre outras accións. Os beneficiarios serán sempre concellos de ata 10.000 habitantes, que poderán beneficiarse dunha contía máxima por axuda de 30.000 euros.

Esta liña de subvencións encádrase no paquete de axudas de case 16 millóns de euros aprobado a comezos do mes de setembro para darlle continuidade ás medidas de apoio e reactivación do sector turístico por importe de 31,2 millóns de euros das diferentes convocatorias destinadas a apoiar ao sector.

En total o Goberno galego destinará este ano 120 millóns de euros ao impulso da hostalería e a industria turística galega, entre os 31,2 millóns das distintas convocatorias de axudas e os case 90 millóns abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate.