Sólido apoio social a Amicos para protexer o Arco Atlántico

No proxecto Re-Mar fixéronse este ano 34 limpezas en praias // O colectivo sumou implicacións para actuar en 29 concellos
Medio Ambiente
Suso Souto
CLAUSURA. Susana Rodríguez, dereita, na clausura da terceira edición do proxecto Re-Mar de Amicos. Foto: Amicos

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos celebrou este martes no centro social de Cabo de Cruz (Boiro) a clausura da terceira edición de Re-Mar, un proxecto colaborativo que fomenta a concienciación para conservar oito espazos protexidos de vinte e nove concellos do Arco Atlántico Galego ca colaboración da Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O acto estivo presidido pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, quen se mostrou entusiasmada co proxecto e sinalou que “o mar non asume todo o lixo que tiramos nel; iniciativas como esta son moi importantes para o coidado dos nosos mares”.

Javier Remiro, coordinador da Fundación Biodiversidade, interviu por videoconferencia para anunciar novas axudas e animar a Amicos a seguir impulsando proxectos.

Manuel Prado, Adriana Miguens e Alfonso Pérez (axentes medioambientais de Amicos) foron os encargados de lembrar as 34 accións de limpeza nas que se retirou máis dunha tonelada de basura mariña, e as actividades de formación a 300 persoas levadas a cabo en colaboración con confrarías, colexios, administracións públicas con competencias en materia de conservación do medio ambiente e do patrimonio marítimo e empresas recreativas.

David Nova, director do CEIP de Artes, recalcou a importancia de educar en sustentabilidade e inclusión; Paula Barreiro, bióloga da confraría da Pastoriza, compartiu as súas experiencias en relación ca contaminación dos océanos; e Alexander Sebastián, da empresa Grip Surf School, relatou o impacto do lixo mariño nos mares e océanos como motor turístico.

Tamén asistiron José Antonio Fernández, director do Parque das Illas Atlánticas; os alcaldes de Boiro e A Pobra; os patróns maiores de Vilanova, A Illa, Vilagarcía, O Son, Portosín, Aguiño, A Pobra e Rianxo, e mariscadores, bateeiros, directivos de clubes náuticos, mestres e directivos de diversas empresas.