Solta amarras o proxecto para impulsar o turismo náutico coa revalorización da Ruta Traslatio

A Xunta destinará 1,3 millóns a dotar de novos recursos e infraestruturas aos portos deportivos vinculados ó Itinerario Xacobeo da ría de Arousa e do Ulla
Turismo náutico
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Manuel Ruiz, Gonzalo Trenor, Javier Ruiz de Cortazar, Nava Castro e José Luis Torres, en Ribeira. Foto: Suso Souto

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentou este sábado no Club Náutico de Ribeira o proxecto integral de revalorización da Ruta Traslatio (a Ruta Xacobea Marítimo-fluvial polo mar de Arousa e o río Ulla) que no marco das accións de cohesión en destino do Plan Xacobeo Next Generation destina a este proxecto 1,3 millóns de euros, co obxectivo de impulsar Galicia como destino turístico náutico.

Nava Castro indicou que forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, A Pobra e Rianxo e que con el “buscamos converter a Ruta Traslatio nun Camiño a Santiago de referencia, equiparado ás demais rutas xacobeas, captando novos visitantes e peregrinos e consolidando Galicia como destino turístico náutico”.

Preténdese, asimesmo, revalorizar as infraestruturas portuarias e dotar de novos recursos aos portos deportivos e clubs náuticos vinculados á ruta marítimo-fluvial.

En base a este proxecto, os clubes náuticos de Sanxenxo, Portonovo, San Vicente, A Toxa, Rianxo, Cabo de Cruz, Barraña e Ribeira, así como Nauta Sanxenxo, Marina e Estación Marítima de Vilanova e Marina A Pobra serán obxecto de melloras nas súas infraestruturas e servizos.

O turismo náutico é un sector estratéxico para Galicia que está en pleno proceso de expansión, e esta iniciativa é unha aposta por revalorizar os activos turísticos cos que conta esta ruta, levando adiante liñas de actuación que melloren as infraestruturas portuarias nestes territorios, rehabilitar estruturas e poñer en valor medioambiental e patrimonialmente os recursos turísticos cos que conta o trazado polo que discorre esta ruta xacobea única.

Estas liñas de actuación tradúcense na posta en marcha de actuacións de dixitalización de recursos, creación ou mellora de espazos para a recepción de visitantes e mellora de equipamentos turísticos, posta en marcha de nova oferta cultural e turística relacionada coa ruta ou a mellora da oferta de servizos dos portos deportivos e clubs náuticos coa instalación de equipamentos de control e vixilancia intelixente, dotación de equipos de mobilidade sostible para a loita contra a contaminación mariña así como sistemas de xestión medioambiental, redes wifi e adaptación e mellora da eficiencia enerxética nas instalacións.

O orzamento que este plan destinou a Galicia é de 39,2 millóns de euros, co obxectivo de incorporar medidas para conservar e facer un mellor uso dos Camiños de Santiago e para impulsar a actividade turística e económica. Ademais das accións de cohesión en destino dentro das que se inxire este proxecto de revalorización da Traslatio e que contan con 8,4 millóns de euros, o programa contempla tamén os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, que contan cun orzamento de 8,1 millóns de euros, e os proxectos de mantemento e rehabilitación dos Bens de Interese Cultural do Camiño de Santiago, cun orzamento de 22,7 millóns de euros.

Nava Castro estivo acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; do alcalde, Manuel Ruiz; do presidente do Náutico, José Luis Torres; e do presidente de Asnauga, Javier Ruiz de Cortazar.

delegribeira@elcorreogallego.es