MÁIS COBERTURA. Amplíase o servizo ós municipios de ata 75.000 habitantes // Carballo, con 183, é o concello da provincia con máis usuarios // As operadoras chaman para interesarse por temas de medicación, descanso ou saúde TEXTO S. Souto

Son ‘teleasistidas’ pola Deputación 1.737 persoas maiores na comarca

Teleasistencia
Suso Souto
central. O servizo de teleasistencia da Deputación da Coruña ten a súa central no polígono da Grela. Foto: D.

O pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou na súa última sesión a proposta do goberno provincial de ampliar o servizo de teleasistencia aos municipios de ata 75.000 habitantes, aumentando así a cobertura actual, que chegaba aos noventa concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

Con esta medida, a institución provincial poderá ofrecer este servizo de teleasistencia tamén á cidade de Ferrol, que xa mostrou o seu interese en sumarse ao mesmo.

A día de hoxe son xa 3.152 as persoas as que se benefician do servizo de teleasistencia domiciliaria desa administración provincial, que conta cunha central situada no polígono coruñés da Grela. Desde finais do ano 2021, cando se contaba cun total de 2.903 usuarios e usuarias, rexistráronse 240 novas altas.

A teleasistencia é gratuíta para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de oitenta anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. Calquera persoa pode acceder demandándoo a través do departamento de Servizos Sociais do seu concello.

Carballo, con 183 persoas usuarias, Narón (166), Ribeira (109), Malpica (91), Culleredo (89) e Melide (88) son actualmente os municipios que contan con maior número de beneficiarios do servizo de teleasistencia en toda a provincia.

As teleoperadoras do servizo realizan, todos os días, ao redor de 500 chamadas de control desde a central. No que vai de ano, emitíronse un total de 11.321 chamadas telefónicas. O obxectivo: interesarse sobre se a persoa descansou ben, se tomou a súa medicación e se se atopa en bo estado de saúde.

No tocante ó ámbito territorial de Área de Compostela, son un total de 1.737 as persoas usuarias do servizo de teleasistencia. Nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte son 633: en Cabana de Bergantiños (25), Camariñas (20), Carballo (183), Cee (37), Corcubión (16), Coristanco (13), Dumbría (14), Fisterra (23), A Laracha (29), Laxe (47), Malpica de Bergantiños (91), Muxía (25), Ponteceso (51), Vimianzo (37) e Zas (22).

Na comarca de Santiago son 653: en Ames (61), Arzúa (80), A Baña (28), Boqueixón (36), Brión (14), Dodro (8), Frades (6), Melide (88), Negreira (30), Ordes (13), Oroso (34), Padrón (10), O Pino (30), Rois (24), Santa Comba (40), Teo (78), Tordoia (13), Touro (28), Trazo (11), Val do Dubra (16) e Vedra (5).

Benefícianse tamén deste servizo da Deputación 32 persoas en Cerceda, 25 en Boimorto, 13 en Toques, 12 en Mesía e 9 en Santiso.

BARBANZA E MUROS-NOIA. E, finalmente, nas comarcas de Barbanza e Muros-Noia hai un total de 451: en Boiro (58), Carnota (20), Lousame (17), Mazaricos (13), Noia (31), Outes (61), A Pobra (34), O Son (32), Rianxo (76) e Ribeira (109).

Finalmente, cómpre lembrar que en 2020 a Deputación simplificou os trámites para estender o servicio para dar altas urxentes dun xeito máis sinxelo, podendo solicitalo cun número mínimo de documentos e un informe de Servizos Sociais do Concello xustificando a necesidade.

delegribeira@elcorreogallego.es

Cada usuario ou usuaria leva consigo un intercomunicador as 24 horas do día, que se executa a través dun pequeno botón que incorpora unha liña de conexión telefónica, e a información que aporta queda rexistrada nun programa informático, co que se crea un expediente individualizado que permite un seguimento máis completo e eficaz. Algunhas das funcións que se realizan son: recordatorio da hora da medicación ou dunha cita médica, felicitarlles polo seu aniversario ou interesarse polo seu estado de saúde.

Ademais, os usuarios e usuarias poden chamar á central no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente, cando queiran falar coas operadoras.