Teatro sonoro a través do espazo virtual Onda FIOT do festival de Carballo

Achega así ao público as iniciativas artísticas promovidas nos últimos anos
Cultura
Manuel Lavandeira
Xuntanza no Pazo da Cultura co grupo de voluntariado do Festival Internacional Outono de Teatro, de Carballo. Foto: FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.

Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal. Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico A lúa, válvula de spray e O espello que arde ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais.

A incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Desde hai 21 anos o FIOT ofrece programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, e nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo.

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.