Terra e mar, patrimonio, cultura e gastronomía para conquistar Fitur

Ata Madrid chegou a luz dos faros que guía os mariñeiros e atrae aos turistas // Costa da Morte presentouse na capital de España como un xeodestino atractivo, amable, seguro e reconfortante
Fitur 2022
Manuel Lavandeira
Desiré Kouakou, párroco de Cee, á esquerda; Margarita Lamela, alcaldesa ceense; Jesús Picallo, presidente de Solpor; e Gonzalo Trenor, delegado da Xunta, en Fitur. Foto: Concello de Cee

As terras e mares que bordean Compostela brillaron con luz propia na Feira Interancional de Turismo (Fitur) que pechou as súas portas este domingo en Madrid. Ata a capital de España chegou a luz dos faros que guía os mariñeiros e atrae aos turistas para iluminar a ampla e variada oferta turística dunhas comarcas que aúnan paisaxe, patrimonio, cultura, gastronomía e bo facer.

Rutas xacobeas que levan por terra e mar ata Compostela e a Fisterra e Muxía, roteiros que achegan aos camiñantes a tempos pasados e tamén a fermosas paraxes naturais seguindo a luz dos faros, artesanías que atesouran milleiros de anos, e unha gastronomía única son, xunto coa hospitalidade das xentes destes territorios, os argumentos cos que convenceron a milleiros de visitantes de Fitur a achegarse ata Costa da Morte, Barbanza, Muros-Noia, Xallas e ás terras próximas ao Apóstolo Santiago.

Baixo o pavillón de Galicia, e tamén dende o expositor de Tourespaña, a oferta turística destas comarcas foi promocionada, non só entre os milleiros de visitantes, senón tamén a través dos profesionais, axencias e centrais do sector que se encargarán de dirixir os pasos dos turistas cara esta beira atlántica.

Unhas propostas que foron acompañadas de incentivos como a seguridade e a sostibilidade. Esa foi unha das bases da campaña presentada na capital de España polo xeodestino Costa da Morte, que se ofreceu aos visitantes como un “destino seguro, amable, reconfortante e hospitalario”, segundo a presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

Un xeodestino que agrupa a dezasete municipios das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, e tamén aos concellos de Carnota e Mazaricos, que se proxectou como “naturalmente salvaje” a través dun vídeo.

Un traballo promocional que se complementou cos encontros que mantiveron os representantes da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) cos profesionais das empresas sectoriais de cara a comercializar o xeodestino.

Tamén a Asociación Solpor, co seu presidente, Jesús Picallo, ao fronte, deu a coñecer as accións previstas para este ano 2022, ao tempo que difundiron unha produción audiovisual baixo o título Solpor, Camino de Santiago a Fisterra e Muxía co fin de animar a todos os peregrinos que chegan a Compostela a continuar a súa marcha ata a Costa da Morte.

Unha peregrinaxe ata a fin da terra que terá un atractivo máis, xa que do 1 de maio de 2022 ata o mesmo día de 2023 celebrarase en Cee o Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira, que é tamén punto de paso para quenes peregrinan cara Fisterra e Muxía.

Agora tan só queda agardar que eses turistas e peregrinos poñan rumbo a estas terras, onde, sen dúbida, serán recibidos con agarimo.