O Pazo de Santa Cruz, en Vedra, recibirá presuposto da Xunta para o mantemento das súas especies singulares // A contía será destinada a traballos de poda e para a adquisición de tratamentos preventivos contra posibles pragas TEXTO Alba Prada

Tesouros: floridos xardíns, camelias e oliveiras centenarias

Medio Ambiente
Alba Prada
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a visita ao Pazo de Santa Cruz. Foto: C. Vedra

O Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, no concello de Vedra, percibirá este ano unha axuda de 7.000 euros por parte da Xunta de Galicia para o mantemento das árbores e formacións senlleiras. Non é a primeira vez que o pazo recibe unha subvención do Goberno galego, e é que hai que ter en conta que a antigüidade das árbores que o poboan fai que requiran duns tratamentos especiais. Os xardíns da edificación, segundo o dono, Juan Armada, albergan máis de 200 variedades de camelias do século XIX e arredor de 500 oliveiras que poboan os dous paseos parelos e os tres perpendiculares.

A Consellería de Medio Ambiente facía onte pública dita orde de axudas, que este ano reparte case 60.000 euros entre cinco concellos galegos e máis dunha decena de particulares ou entidades xurídicas. Así o comunicaba a titular do departamento, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao pazo vedrés. “Os incentivos concedidos servirán para protexer e mellorar as condicións de 21 árbores ou formacións senlleiras, das cales sete son propiedade de cinco concellos e 14 de 11 persoas físicas ou xurídicas”, apuntou a conselleira.

Recordou que a liña de axudas “establecía unha partida dirixida aos concellos e que neste caso concreto beneficia aos municipios de Silleda, Porriño, Vilariño de Conso, Ourense e Caldas de Reis, aos que se lles concede unha contía global de case 20.000 euros. A segunda partida é a destinada aos particulares ou entidades xurídicas, entre os que se distribuirán máis de 40.000”, explicou Vázquez Mejuto. En concreto, estos incentivos subvencionarán o custo que implica realizar podas e traballos de control de copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións de conservación e mellora da contorna e de divulgación e sinalización, así como a realización de estudos, e que se poderán executar ata o día 30 de setembro.

Con respecto ao Pazo de Santa Cruz, concretou que a achega de 7.000 euros que se lle concede vai dirixida a “conservar os valores dun dos espazos botánicos máis impresionantes de Galicia, que tamén foi declarado como un dos xardíns de excelencia de Europa pola Sociedade Internacional da Camelia”.

O dono do pazo, Juan Armada, explicoulle a este xornal que son un total de sete as árbores senlleiras que se poden ver en Santa Cruz: “El Helecho gigante, el Roble piramidal, la Camelia antigua, la Palmera washingtonia robusta, la Cryptomeria japónica, los Tulipanes de Virginia y la Phytolacca dioica (ombú)”. Aclarou que, a excepción do fento xigante, hai máis dun exemplar das outras especies pero contan como se fosen unha á hora de pedir as axudas. “A ellas hay que sumar dos formaciones singulares: los bosques y los olivos”, engadiu Armada.

En concreto, esta subvención será dirixida, segundo indica tamén o propietario do pazo, a dotar dos tratamentos necesarios a dúas árbores senlleiras e dúas formacións.

“Por un lado, las solicitamos para tratar los bojes y evitar plagas, y también para aplicar un tratamiento preventivo en la Palmera washingtonia robusta, un tratamiento que cuesta un total de 400 euros por planta”, sinalou. “Por otro lado, irán dirigidas las ayudas a mantener en buen estado las camelias y para podar los olivos, algo que tenemos que hacer cada año o cada dos”, explicou. “Todo esto, con o sin ayudas de la Xunta de Galicia, tendríamos que hacerlo igualmente para mantener el pazo en perfecto estado”.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que as árbores están no ADN de Galicia e son protagonistas indiscutibles da paisaxe, ademais dun identificador da terra galega. Engadiu que parte desta riqueza está recollida no Catálogo de árbores senlleiras, un inventario vivo que aglutina árbores e formacións singulares, polas súas características (altura, grosor, idade...), pola rareza do exemplar ou pola súa significación histórica ou cultural.

Na actualidade, están inscritos 179 elementos (141 árbores e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes. A cantidade de árbores e formacións que atesouran os xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla convérteno en todo un referente no patrimonio natural da comunidade galega.