A Xunta destina este ano un orzamento de 34,2 millóns de euros á celebración dos obradoiros duais, o máis alto da década // A convocatoria permitirá desenvolver 94 actuacións e atender a totalidade das solicitudes achegadas TEXTO Marta Torres

Trampolín laboral para dous mil galegos desempregados

Emprego
Marta Torres
Representantes municipais de Outes, Noia e Lousame xunto a Lorenzana, 3ª pola esquerda, e Trenor, 5º, na visita ao obradoiro. Foto: XG

Tender pontes e mellorar as oportunidades de inserción laboral. Con ese obxectivo a Xunta celebrará no período 2021-2022 un total de 94 obradoiros, que ofrecerán formación e un contrato de traballo a preto de 2.000 persoas sen emprego da Comunidade. Deste xeito, o Goberno galego ampliou este ano ata 34,2 millóns de euros (un 48 % máis respecto da anterior) o orzamento da convocatoria, coa que dá resposta ó 100 % das solicitudes presentadas.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Administración autonómica comezou este venres a notificar a resolución da convocatoria para este curso académico, a maior dos últimos dez anos en canto a orzamento, actuacións a convocar e número de alumnos e alumnas.

Fíxoo acompañada polo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, durante unha visita que realizou ao obradoiro de emprego sobre repoboación forestal e tratamentos silvícolas dos concellos de Outes, Noia e Lousame, onde destacou a importancia destas ferramentas para formar e dar a posibilidade de acceder a un emprego ás persoas participantes.

Tal e como remarcou Lorenzana, “os obradoiros de emprego permiten dotar á nosa poboación activa de formación de calidade, e ao tempo desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Unha vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna, a xornada completa, por un mínimo de tres meses, a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

A Xunta vén de reforzar a convocatoria deste ano de obradoiros duais, co maior orzamento da década, o maior número de accións e de persoas beneficiarias. Neste sentido, a conselleira destacou que “este ano acadamos realizar unha aposta sen precedentes polos obradoiros de emprego, como xeito de entender a simbiose entre a formación e o emprego”. Lembrou que na actual convocatoria se acadan múltiples cifras récord: en canto a orzamento, o maior da década, con 34 millóns de euros, que permitirán celebrar 94 obradoiros en toda Galicia e chegar a preto de 2.000 persoas, co que se incrementa en máis dun 50 % o número de participantes respecto ó ano pasado, acadando tamén a cifra máis elevada dos últimos dez anos.

Ademais, con estas ferramentas incídese na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, paradas de longa duración, con discapacidade, maiores de 45 anos ou traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.

Neste marco, a Xunta fomenta os programas que inclúan formación forestal, como o de repoboación e tratamentos silvícolas promovido polo Concello de Outes, en convenio cos de Noia e Lousame. No mesmo formáronse un total de 20 alumnos-traballadores, 5 mulleres e 15 homes, e a metade dos participantes teñen unha idade comprendida entre os 18 e os 24 anos. Investíronse nesta actividade un total de 346.946 €.