Trece festivais animarán o Nadal esta fin de semana no Barbanza

Catro son a beneficio de Anedia, Cáritas, a protectora Moura e a loita contra o cancro // Arrancadeira, Xilbarbeira, Fogo Fátuo ou Bailadela poñen a música tradicional
Nadal 2022
Suso Souto
protectora. Pola esquerda, Natalia Brión, directiva da protectora Moura; a edil de Benestar Animal da Pobra, Estefanía Ramos; e Manel Casal, de Os Bar Ban Sónicos. Foto: C. P.

Chega a fin de semana previa ó Nadal e, con ela, unha apretada axenda de actividades para público de todas as idades que, no caso da comarca do Barbanza, inclúe, entre centos de propostas, nada menos que trece festivais.

Na Pobra, o folclore galego converterase en protagonista do Festival de Nadal que organiza Arrancadeira, con bailes e cantos tradicionais típicos destas datas. Será este sábado 17 ás 18.30 horas no Teatro Elma e participarán, ademais da citada entidade, a A.C. Os Jaitas Blue, a Escola de Cantigas e Agarimos e a A. C. Mestre Manuel Gacio.

Realizarase tamén un sorteo de produtos que foron doados por establecementos da localidade e disporase dun stand para a recollida de donativos a favor da asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia).

Ademais, o polideportivo da rúa Venecia acollerá ás 20.00 horas un festival de exhibicións de patinaxe dos clubs da Pobra e de Ribeira.

A Pobra recadará fondos cos que contribuír á defensa dos animais nun festival solidario organizado pola protectora Moura coa colaboración do Concello. O evento celebrarase o sábado 17 ás 21.30 horas nunha carpa da Praza Alcalde Segundo Durán, onde haberá música en directo.

Os artistas convidados son Pito de Pikasso, Os Bar Ban Sónicos e La Duendeneta. Haberá tamén tapas, bebidas e sorteos e repartirase material divulgativo das campañas realizadas para a sensibilización sobre o benestar animal. O Teatro Elma será o domingo 18 o epicentro dun festival de canto, baile e música tradicional a favor da loita contra o cancro que organiza a Asociación de Amas de Casa. A cita será ás 18.30 horas e contará coa participación dos grupos da entidade e Os Caraveiros, ademais da visita do Apalpador. A entrada é de balde ata completar o aforo e habilitarase un stand para a recollida de donativos a beneficio da Asociación Española contra o Cancro, para contribuír á investigación e axudar na asistencia ás persoas enfermas e ós familiares.

En Boiro, o sábado 17 ás 18.30 horas celebrarase no polideportivo da Cachada o Festival de Nadal do Club de Patinaxe local. E á mesma hora, na casa da cultura, o Festival de Nadal de Xilbarbeira contará coa participación do grupo de baile e música tradicional de Abanqueiro.

O domingo 18, ás 17.00 horas, no centro social de Abanqueiro, terá lugar o Festival de Nadal da asociación cultural desa parroquia, coa colaboración dos grupos Abeloura, A Arrancadeira, Os da Boina, Nunca é tarde, Aficionados do Teatro, Os centenarios de Louro e A Dorniña.

E unha hora despois, na casa da cultura da Cachada, será o Festival de Nadal da Escola de ballet Cen Pliés.

En Rianxo, o auditorio acollerá o sábado 17 ás 20.00 horas o Festival de Nadal da Asociación Fogo Fátuo, con entrada de balde e retirada de convites a partir das 19.30.

O domingo 18, tamén no auditorio, desenvolverase a partir das 11.30 horas o Festival de Nadal da Escola de Música de Rianxo, coa participación do alumnado das aulas de piano, violín, violonchelo, contrabaixo, guitarra, baixo eléctrico e combo infantil. A segunda sesión desta actividade terá lugar o venres 23 de decembro, ás 20.00 horas, co resto das aulas instrumentais de vento, percusión e iniciación musical.

En Ribeira, este venres 16 ás oito da tarde, no auditorio, celebrarase o Festival de Nadal da Asociación de Amas de Casa, a beneficio de Cáritas.

O sábado 17, dende as 20.00 horas, haberá no auditorio municipal unha actividade de canto e música tradicional denominada Festa da Terra dos Nosos, coa actuación dos grupos Bailadela, Sete Linguas, Sonelas e Chorimas.

E o domingo 18, na Aula de Música de Aguiño, será o Festival de Nadal da Asociación Musical Sons do Mar.

delegribeira@elcorreogallego.es