Trinta e cinco persoas con discapacidade traballan xa nas ecobrigadas de Amicos

Corenta firmas apoian economicamente ou con contratacións ós equipos, que levan a cabo actuacións forestais e de xardinería
Persoas con discapacidade
Suso Souto
OS PROTAGONISTAS. Unha das ecobrigadas de Amicos con persoal da entidade. F: Amicos

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos de Ribeira presentou este venres a súa alianza con Cobre San Rafael para traballar conxuntamente pola inserción laboral deste colectivo. O acto tivo lugar no miradoiro Pedra da Rá, xa que as ecobrigadas de Amicos levan uns días traballando no acondicionamento desa zona.

Dita empresa é unda das corenta que apoian, economicamente ou con contratacións, a estes equipos multidisciplinares de persoas con discapacidade que levan a cabo traballos de coidado medioambiental, obras forestais, de prevención de incendios nos montes e de xardinería en diversos puntos de Galicia.

As 35 persoas que forman xa estas ecobrigadas reciben formación adaptada e son acompañadas durante todo o proceso para fomentar e mellorar a súa empregabilidade.

“Estas ecobrigadas xeran 35 postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual que co seu esforzo e superación demostran que sempre hai unha oportunidade para avanzar na súa inserción”, destaca Xoán España, director xeral de Amicos.