Un cambio radical de imaxe na estrada arzuá máis circulada

O Ministerio de Transportes investirá medio millón nas obras da N-547 ao seu paso pola vila
Obras
Alba Prada
Pola esquerda; Begoña Balado, José Luis García, Pilar López-Rioboo e Ángel González del Río acompañados dun técnico. Foto: Concello de Arzúa

A travesía da estrada N-547 que pasa polo casco urbano de Arzúa é hoxe unha das vías que soporta no municipio todo o peso do tráfico. De feito, a urxencia de levar a cabo unha reforma integral na mesma fixo que o Concello mantivese un encontro xa no pasado mes de novembro do ano 2020 na Subdelegación do Goberno na Coruña coa súa responsable, Pilar López-Rioboo e co Xefe de Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, Ángel González del Río.

Onte, a través dunha nova reunión na Coruña ratificábase o compromiso do Ministerio de Transportes para executar nas vindeiras datas as obras de acondicionamento en dita travesía. Uns labores nos que o Ministerio investirá medio millón de euros, tal e como confirmaron fontes municipais. “Como xa se anunciou en datas pasadas, nestes momentos estanse coordinando as actuacións entre o ente estatal e a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia para a confección dun proxecto de mellora de firme da estrada que se atopa nestes intres en fase de redacción”, lembrou a concelleira de Obras, Begoña Balado. O proxecto, segundo aseguran dende o goberno local, permitirá “solucionar definitivamente os problemas que esta estrada sempre acarreou dende o seu arranxo integral no ano 2010”.

Begoña Balado aproveitou a reunión para agradecer tanto ao Ministerio de Transportes como á Demarcación de Estrada do Estado en Galicia “a súa atención co noso concello e o interese amosado dende un primeiro momento en buscar unha solución aos problemas de seguridade viaria e de consistencia do firme que se veñen padecendo dende hai moito tempo”.

E é que son varias as execucións que a Demarcación de Estradas fixo en Arzúa en colaboración co goberno. Entre elas pódese citar o pintado de bandas transversais de alerta, en decembro de 2020, nos pasos de peóns con maiores riscos para á seguridade vial, ou actuacións de fresado e reposición (bacheo do pavimento) no tramo comprendido entre a casa consistorial e a oficina de turismo. Dende a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia lembraron, ademais, os traballos realizados para a sinalización do núcleo de Oíns, así como a solución aos problemas de drenaxe pola presenza de encharcamento nalgún tramo da A-54.