turismo. A compositora boirense Elsa Muñiz promove a bordo dun barco o Itinerario xacobeo marítimo-fluvial do Barbanza // A novidosa iniciativa presentouse no Pazo de Goiáns TEXTO S. Souto

Un piano suca o Camiño A Orixe por Arousa e o Ulla

Camiño Xacobeo
Suso Souto
corenta millas. Elsa Muñiz, sentada ó piano no barco no que percorre 40 millas náuticas. Foto: Octo C.

A beleza dun Camiño, o da ría de Arousa e o río Ulla; o talento feminino e emerxente da pianista e compositora boirense Elsa Muñiz; e unha innovadora posta en escena son os ingredientes de Navegando o Camiño, un proxecto no que música e creación audiovisual se fusionan para enxalzar os valores naturais, humanos e culturais deste Itinerario xacobeo que conmemora a translación dos restos do Apóstolo Santiago no seu último tramo.

A iniciativa presentouse este ventes no Pazo de Goiáns (Boiro), coa asistencia de Elsa Muñiz; Manuel Mariño, fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Barbanza e Arousa A Orixe; e o edil de Turismo de Boiro, Carlos Rodríguez Muñiz.

Producido por Sonaxe Producións e co financiado pola Xunta, en Navegando o Camiño un piano de cola a bordo dunha embarcación acompaña ao espectador nun percorrido por esta Ruta marítimo-fluvial que avanza entre vilas, praias e bateas, acompañado por unha peza exclusiva de Elsa Muñiz, que se inspirou no Camiño de Santiago.

Co obxectivo de achegar a riqueza paisaxística e patrimonial desta vía que, enmarcada polos portos de Ribeira e O Grove, percorre unhas corenta millas náuticas ata a antiga Iria Flavia e logo 25 quilómetros a pé ata Santiago, desde Sonaxe contaron tamén con Cristina Cerqueiras, que ten máis de 420.000 seguidores en Instagram. Así, a influencer protagoniza xunto a Elsa Muñiz un vídeo que buscou cativar aos máis novos a través das redes sociais, cunha preestrea en Tik-Tok, Instagram e Facebook, e que está dispoñible en YouTube.

Esta aposta polo talento feminino e emerxente é a base de Navegando o Camiño, que supón ademais a primeira viaxe en barco cun piano de cola e música a bordo pola Ruta Traslatio. Nesta Itinerario, que inclúe a singradura por Arousa e o Ulla e finaliza o tramo a pé ata Santiago, Elsa, acompañada polo seu piano e diferentes peregrinos, vai percorrendo as localidades de Vilagarcía, A Illa, Catoira, Valga, Pontecesures, Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Dodro, Padrón, Rois, Teo, Ames e Santiago, onde remata este singular periplo audiovisual cun piano de cola na Praza do Obradoiro. Navegando o Camiño contou tamén coas colaboración dos concellos de Boiro, Ribeira e Santiago.

A pianista e compositora Elsa Muñiz publicou o seu primeiro disco, Memories, en 2018, co que superou os dous millóns de escoitas en Spotify. Tras este, veu un libro, que baixo o título Memories: sete pezas para piano, mestura literatura, ilustración e música. Con esta obra, Muñiz inaugurou un novo concepto dentro da música clásica, o pianotelling, que fai referencia á música instrumental combinada con microrrelatos autobiográficos, nos que se inspiran as pezas, e acompañados de ilustracións. Muñiz é tamén autora de Angrois, unha peza que compuxo a noite do tráxico accidente ferroviario do tren Alvia.