Numeroso público gozou dos traballos ornamentais coa temática do Xacobeo // O dragón do escudo municipal foi
protagonista dunha alfombra floral

Vedra florece ca arte da camelia

Festa da Camelia
Suso Souto
EXITOSA XORNADA. Numerosas persoas asistiron ás xornadas no Centro de Emprendemento. Fotos: Sangiao

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez, inaugurou este domingo, acompañado do director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, as XXVI Xornadas Arredor da Camelia, no Centro de Emprendemento A Estación de Santa Cruz de Ribadulla, nun acto ó que asistiron máis de trescentas persoas.

Na súa intervención, De la Campa destacou a vinculación de Vedra co Camiño Xacobeo, en torno ó que xira precisamente a temática deste ano na cita. E é que por este concello pasan a Vía da Prata, o Camiño do Inverno e o Camiño Miñoto Ribeiro.

Pola súa banda, Valentín García, un incondicional desta exaltación, referiuse á camelia como elemento diferenciador da cultura e da paisaxe do Val do Ulla, presente tamén en destacadas obras literarias galegas.

Nesta edición, por decisión da organización, non houbo concurso; a mostra de flores contou con catorce participantes, e a de traballos ornamentais, con outros 11. Esta última é a única que se celebra en Galicia, e nela a beleza da camelia tórnase en arte dando forma a sorprendentes creacións cheas de simbolismo. Así, puidéronse ver un botafumeiro, unha mouteira de sinalización do Camiño, o logo do Xacobeo...

Entre esas obras de arte figuraba tamén unha alfombra floral protagonizada polo dragón do escudo de Vedra, que foi elaborada por artesáns de A Estrada, Ames, As Pontes, Bueu, Cangas e Ponteareas.

A apertura das xornadas estivo amenizada polo grupo de requinteiros A Gaita de Sarandón. Xa pola tarde celebrouse o espectáculo de rúa familiar A tropa do doutor Milagre, de Inventi Teatro, e entregáronse os premios do Concurso de Pintura Infantil da Camelia, cuxos traballos se exhibiron no interior dun vagón.

Durante todo o día centos de persoas pasaron polo recinto e, como colofón, tivo lugar un atranque infantil dos xenerais e correos.

comarcas@elcorreogallego.es