MÚSICA. Os irmáns Sixto e Juanjo Corbalán, habituais do festival de Edimburgo, o mellor de Europa, ofreceron unha exitosa actuación no Tapal // A igrexa de Santa María A Nova acolleu a un referente galego: o compostelán Manuel Rivas TEXTO S. S.

Viaxe sonora de Noia a Paraguai e a Bretaña francesa ó son da arpa

Concertos
Suso Souto
ÉXITO. Numerosas persoas asistiron ó concerto na igrexa de Santa María A Nova de Noia. Foto: NHF

O público do festival Noia Harp Fest, o único especializado en arpa do noroeste peninsular, gozou este venres dunha singular viaxe sonora que, partindo da Praza do Tapal, invitou a percorrer dous territorios cunha ampla tradición arpística: Paraguai e a Bretaña francesa.

Eran dúas das citas máis agardadas desta edición. Por unha banda, o regreso de Clotilde Trouillaud, unha das arpistas máis prestixiosas da súa xeración e que está a revolucionar o xeito de entender a música para arpa na Bretaña. Logo do seu exitoso concerto en solitario no Noia Harp Fest en 2018, Trouillaud regresou este ano coa súa formación Lune Bleue Trío, acompañada por Erwan Bérenguer (guitarra) e Jean-Marie Stephant (batería).

Por outra banda, os asistentes tiñan unha cita coa música americana a través dunha sorprendente formación, inédita na escola de arpa paraguaia: o dúo de arpas formado polos irmáns Sixto e Juanjo Corbalán. Os dous teñen cadansúa carreira en solitario ou en diferentes formacións, mais como dúo están presentes habitualmente na programación do mellor certame de Europa, o Festival de Edimburgo, así como en festivais de medio mundo.

Na noite deste venres conquistaron ao público noiés coa súa excepcional linguaxe e a sutileza do tratamento das melodías da tradición arpística coas que debuxan imaxes cheas de forza e contrastes sonoros, soportados nun virtuosismo difícil de imaxinar para os que non o escoitan en directo. Antes, pola mañá, impartiran a segunda das clases maxistrais programadas polo Noia Harp Fest na igrexa de Santa María A Nova. Precisamente nese templo tivo lugar a terceira das citas musicais da xornada: un concerto con dúas grandes figuras da música antiga xuntas: a cantante polaca Paulina Ceremuzynsk, quen reside dende 2004 en Galicia e investigou a reconstrución musical das cantigas de amigo, e o arpista compostelán Manuel Vilas, recoñecido polo seu traballo coa arpa ibérica, aínda que realiza un gran labor en investigación sobre a arpa jesuítica chiquitana (Bolivia) así como na arpa dobre do século XIV que circulaba baixo a coroa de Aragón.

No tocante á xornada deste sábado, o Noia Harp Fest percorrerá estilos e paisaxes sonoras diversas, dende Sudamérica ata o continente africano. O Coliseo Noela acollerá ás 20.00 horas o concerto de Bleuenn Le Friec e Rafa Fernández Trío, alianza entre Bretaña e Galicia.

Ás 22.00 a escocesa Savourna Stevenson e Steve Kettley actuará na Praza do Tapal.

SENEGAL. Unha das propostas máis singulares deste ano será a presenza do Kora Jazz Trío, banda senegalesa que destaca pola súa capacidade e orixinalidade na fusión musical e que conta cunha morea de fieis en países como Brasil, Xapón, Francia ou Arxelia. A súa actuación será na Praza do Tapal ás dez da noite.

ESPAZO CULTURAL EN OUTES. E na xornada do domingo, a última do festival, volverá actuar o dúo Hermanos Corbalán, nesta ocasión compartindo escenario coa recente incorporación ao cartel do festival, a arpista catalá Anna Amigó. A cita será ás 20.00 horas no que será, á vez, a inauguración do novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque de Albeida (que recibiron o Premio Nacional de Arquitectura no ano 2020) na parroquia de San Cosme de Outeiro, no veciño concello de Outes.

Todos os concertos deste festival son de balde ata completar aforo.

delegribeira@elcorreogallego.es