Vimianzo quere unha nova escola e ampliar a vivenda comunitaria

A gardería actual ten todas as prazas asignadas, polo que valoran construír outra // A alcaldesa trasladou as propostas á deputada provincial de Benestar Social
Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Mónica Rodríguez, á esquerda, Ana Lamas e María José Pose cun grupos de nenos da escola infantil. Foto: Deputación Coruña

O goberno local de Vimianzo, que preside Mónica Rodríguez, planea construír unha nova escola infantil e aumentar as prazas da vivenda comunitaria. Así llo trasladou á deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, no transcurso da visita que esta fixo ó concello vimiancés, onde estivo acompañada tamén pola concelleira de Benestar Social, María José Pose.

A rexedora trasladoulle a Lamas a situación na que se atopan estas prestacións e as melloras susceptibles de implementarse. Así, manifestou a necesidade de estudar novas actuacións no transporte e traslado á escola infantil para dar un mellor servizo ás familias na recollida da rapazada, e tamén notificou que “agora mesmo, despois da ampliación de 20 prazas, a escola infantil conta cun total de 61 nenos e nenas, pero está ao 100% das súas capacidades. Iso preocúpanos, queremos seguir medrando, polo que é necesario valorar a posibilidade de facer unha nova escola”, argumentou.

Tamén lle transmitiu a Lamas “a opción de ampliar de 12 a 24 o número de prazas da vivenda comunitaria e convertila en fogar, co obxectivo de seguir mellorando as prestacións no noso municipio”.

A alcaldesa agradeceu o “apoio da Deputación no servizo de axuda no fogar e co seu servizo de teleasistencia, moi importantes para atender á nosa veciñanza. Sen a axuda provincial non sería posible manter este catálogo de prestacións sociais”.

Pola súa banda, Ana Lamas amosou o seu interese nas peticións e comprometeuse a estudar posibles axudas para estas propostas co obxectivo de seguir traballando “para ofrecer os mellores servizos á cidadanía”. A deputada provincial e a alcaldesa coincidiron na posibilidade de que Vimianzo acolla novos proxectos piloto no ámbito social, o que suporía seguir reforzando estas prestacións e “continuar sendo pioneiros”.

No encontro, Lamas destacou que o municipio foi pioneiro na implantación de diversos servizos sociais e que “é un exemplo para a Deputación e toda a provincia, debido á súa aposta no ámbito e ao importante catálogo de prestacións que ofrece”. Recordou que a Deputación reforzou durante a pandemia a súa aposta social “para non deixar a ninguén atrás”.