Vimianzo reivindicarase en Madrid como un destino patrimonial e cultural

Presentará este xoves en Fitur un audiovisual de enclaves únicos das catorce parroquias do municipio // Seguirá a liña temporal da pegada humana
Fitur 2023
Manuel Lavandeira
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, á esquerda, cos concelleiros Víctor Muíño e María José Pose en Fitur 2022. Foto: C. Vimianzo

O Concello de Vimianzo aterrará en Fitur con todo o seu potencial patrimonial, turístico e cultural para continuar a súa consolidación como un dos puntos de referencia da Costa da Morte. O xoves, ás 18.30 horas, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, presentará no stand de Turespaña unha peza audiovisual con enclaves únicos situados ao longo das 14 parroquias.

Seguindo a liña temporal e a pegada do ser humano nos diferentes elementos naturais e arquitectónicos como fío condutor, no vídeo o público poderá divisar lugares especialmente significativos para a veciñanza de Vimianzo e da comarca da Costa da Morte como son os Penedos de Pasarela e Traba; os cabalos salvaxes que dan vida ao Monte Faro; o dolmen da Pedra da Arca, enmarcado nas pegadas do megalitismo na bisbarra; o castro das Barreiras; os Batáns do Mosquetín; ou o cruceiro de Cheis, sobre o que ademais se está levando a cabo unha investigación para saber se é o máis antigo de Galicia.

Aparecen tamén o castelo, cuxa Festa do Asalto foi declarada o pasado ano como de Interese Turístico de Galicia; a tradicional Fagía de Carnés e o lugar de Cereixo, coa súa igrexa e a importancia da Translatio para, finalmente,volver aos Penedos durante o solpor, despedindo unha xornada entre a esencia da Costa da Morte: terra, mar e historia.

Desde o Concello móstranse seguros de “todo o conxunto que define a localidade de Vimianzo e que mostraremos en Fitur porque temos moito potencial e só nos queda seguir traballando para darlle visibilidade”. Ademais, o goberno local asegura que “unha das principais liñas de acción deste equipo é traballar para dar a coñecer todos os nosos recunchos, as posibilidades e potencialidades que ten o noso territorio para ser, e continuar a ser, unha das referencias na Costa da Morte”.

Recalcan, por outra banda, que todo isto non sería posible “sen o traballo de colectivos, asociacións e veciños”.