Vinte e dous concertos van animar o verán nas prazas da Pobra co festival Sons da Vila
A música volverá encher diversos espazos da Pobra co gallo dunha nova edición do festival Sons da Vila, cuxo cartel está composto por 22 concertos. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, foron as encargadas de explicar os detalles desta proposta organizada polo Concello en colaboración coa produtora Silencio Roto.
Segundo expuxeron, a acción está pensada para as terrazas dos locais hostaleiros, ao tempo que se contribúe á visibilización de grupos locais e á dinamización da vila.
A programación comezará en xullo con Airband (o día 1, na alameda) e seguirá con Versus (o día 2, na Praza de Maura); Leite con jalletas (o día 7, na rúa Rafael Calleja); Rockolas (o día 8, na rúa Unión); Adolfo FH (o día 14, na alameda); Concierto Descaro (o día 15, na Praza de Victoriano García Martí); Sabela King & The Hearthbreakers (o día 21, no Paseo dos Areos); Human (o día 22, na rúa Unión); Blow (o día 23, na Praza de Maura) e Mar Davila Trío (o día 28, na alameda).
As actuacións continuarán en agosto con Sr. Salvaje (o día 5, na alameda); Caras B (o día 6, na Praza de Maura); Alba & Loren (o día 8, na rúa Unión); Os Bar Ban Sónicos (o día 11, na rúa Unión); Concierto Descaro (o día 19, na rúa Unión); Amoenus (o día 20, na praia da Illa); Human (o día 22, na alameda); Mar Davila Trío (o día 25, na alameda); Culpables (o día 26, na Praza de Victoriano García Martí); e Os Bugis (o día 27, na Praza de Maura). O festival rematará en setembro con Caras B (o día 3, na alameda) e Adolfo FH (o día 10, na Praza Paulino Santos).
Todas as sesións comezarán ás 21.00 horas, agás o día 21 de xullo, que será ás 13.00.
Por outra banda, a concellería de Igualdade súmase un ano máis á campaña Liberdade de ser e sentir!, impulsada dende Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo do Día da Diversidade Sexual, que se celebrará o vindeiro luns 28.
Esta campaña busca sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.
Entre a programación artellada para este ano, no caso concreto da Pobra figura a proxección de Noite irisada, un proxecto audiovisual que recoñece, a través das voces protagonistas, a loita polos dereitos de gais e lesbianas en Galicia. Será este sábado 26, ás 20.30 no Teatro Elma.
Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID, polo cal se require a inscrición previa chamando ó número de teléfono 671 090 262.
A maiores, a concelleira de Igualdade, Charo Varela, e o seu homólogo de Mocidade, José Andrés Lojo, achegáronse este venres ata a alameda para explicar que o Concello colocou a carón da fonte un banco pintado coas cores do arco da vella, ademais de instalar pancartas e bandeiras en instalacións municipais, como a casa consistorial.
Tamén se repartirán obxectos conmemorativos de uso cotián para contribuír a que a visibilidade do colectivo non se limite a unha única xornada. Así mesmo, Charo Varela e José Andrés Lojo gabaron a iniciativa posta en marcha por parte da hostalería da localidade, consistente na colocación da bandeira da diversidade sexual nos seus establecementos, á cal se sumaron comercios e outros locais do sector dos servizos.