Cativos do campamento tecnolóxico de Rianxo fabricaron robots e deseñaron xogos // Tras a época estival, A Pobra amplía o servizo Madruga a días lectivos

Volta ás aulas ca mochila chea de lembranzas dun verán animado

Campamentos
Suso Souto
CATRO QUENDAS. Nos campamentos da Pobra participaron 359 mozos e mozas en catro quendas. Foto: C.P.

Remataron as vacacións e toca volver ás aulas. Pero os rapaces e rapazas que participaron nos campamentos de conciliación da Pobra e de Rianxo fano cas mochilas cheas de lembranzas dun verán animado.

Os obradoiros de conciliación Móvete da Pobra concluíron na véspera do inicio do curso escolar, tras estar en funcionamento todo o verán no CEP Salustiano Rey Eiras. Neles participaron en catro quendas 359 escolares de 3 a 12 anos e contouse, ademais, co servizo Madruga e a prestación de comedor para outorgar maiores facilidades.

O Concello defende a conciliación como “unha prioridade” e, de feito, nos días lectivos volverá o servizo Madruga ós centros educativos de Infantil e Primaria do municipio (CEP Salustiano Rey, CEP Pilar Maestú e EEI Fernández Varela).

Tamén en Rianxo rematou o campamento tecnolóxico que achegou a 16 mozos e mozas varias actividades relacionadas con diferentes eidos da tecnoloxía.

Os contidos cubriron un amplo campo e diversas temáticas: creatividade artística e musical con obxectos interactivos, mediante circuítos electrónicos; historia dos gráficos nos videoxogos e pixel art para crear personaxes; deseño web e programación web para o deseño de xogos; creación de xogos 2D; deseño e programación de robots; e preparación dun evento de streaming.