MEDIO AMBIENTE. Adega, co apoio do Concello carballés, coordina unha xornada para identificar a flora exótica na zona litoral // Explicarán o seu impacto na biodiversidade // Xa eliminaran varias en actuacións anteriores TEXTO M. Lavandeira

Voluntariado para liberar Razo e Baldaio de especies invasoras

Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
Voluntarios e voluntarias eliminando especies vexetais invasoras no litoral carballés. Foto: Adega

A asociación ecoloxista Adega, coa colaboración do Concello de Carballo e de vinte voluntarios e voluntarias, coordinará este mércores, día 14, un roteiro para a identificación de especies exóticas invasoras presentes no litoral de Razo e Baldaio.

Os técnicos explicarán tamén aos asistentes a problemática derivada da presenza destas especies e o seus impactos para a biodiversidade, e explicarán como se poden engadir as variedades que se localicen en plataformas de Ciencia Cidadá.

A xornada comezará ás 10.30 horas e partirán do aparcadoiro da praza de Razo. Está previsto que rematen o labor sobre as 13.30 horas. A inciativa forma parte das actividades do proxecto Eu quero Razo-Baldaio, e completarase o día 31 de xullo cunha nova convocatoria de voluntariado para eliminar as invasoras que sexan detectadas.

Adega xa ten realizado no marco do referido proxecto e doutros programas varias xornadas de eliminación de flora exótica en anos anteriores. Así, aseguran que no litoral carballés “tense eliminado manchas de unlla de gato (Carprobotus edulis), herba de coitelo ou herba da Pampa (Cortaderia Selloana), loureiro australiano (Pittosporum tobira) e o único exemplar de sempreviva prateada (Helychrysum petiolare), que estaba a espallarse por Pedra do Sal”.

Dende o colectivo ecoloxista aseguran que as especies exóticas invasoras son na actualidade “unha das principais ameazas para a biodiversidade”. Nesta categoría inclúense tanto plantas como animais e outros organismos que son introducidos nun medio alleo intencionada ou accidentadamente, pero sempre pola acción do ser humano. “Representan unha grave ameaza para as especies autóctonas”, afirman.

O proceso coñecido como “bioinvasión” desenvólvese en tres fases. Na primeira, sinalan dende Adega, a especie é transportada a unha zona na que non é nativa; despois vaise aclimatando ao novo hábitat e co paso do tempo acaba colonizando máis zonas e vai desprazando as variedades autóctonas para convertirse en dominante nesa área.

En canto ás causas principais que dan pé a que prospere este proceso, a asociación ambiental apunta á elevada presión humana sobre as zonas litorais, resultado do desenvolvemento turístico de sol e praia das últimas décadas, o cal leva á “introdución de especies exóticas en sistemas dunares”.

A este respecto, lembran que os ecosistemas dunares costeiros son moi dinámicos, sobre todo os hábitats de duna activa, que teñen unha elevada superficie sen vexetación e están sometidos a un amplo conxunto de condicións ambientais moi restritivas. Iso fai, engaden, que sexan “moi susceptibles de ser ocupados por especies exóticas de carácter invasor que ocupan os espazos abertos”.

A eso hai que engadir que estas variedades invasoras acostuman a ter un ciclo de vida curto, “formando en poucos anos un importante banco de sementes que asegura a súa permanencia e expansión”.

VARIEDADE. Entre esas especies que invaden as zonas litorais destacan a margarida africana, procedente de Sudáfrica, que afecta a varias especies raras ou ameazadas das dunas galegas; a cana, que é propia da franxa comprendida entre a India e Tailandia; a unlla de gato, chegada tamén de Sudáfrica, a cal destaca pola capacidade de fixación do terreo e a vistosidade das súas flores e foi usada incluso pola Administración pública “para fixar o terreo e acabou estendéndose pola costa”, segundo Adega; e o plumeiro ou herba da Pampa, de América do Sur. Outras son a crocosmia (Sudáfrica), a capuchina (América do Sur) a cala ou cartucho (sur de África) e a Pittosporum tobira, do leste de Asia.