Xosé María Lema desvela a orixe dos topónimos de O Allo e A Cebola, de Zas

Toponimia
Manuel Lavandeira
Xosé María Lema diante das Torres do Allo. Foto: RAG

Zas. O escritor, historiador e académico Xosé María Lema divulga a historia e as hipóteses sobre o significado dos nomes de lugar O Allo e A Cebola en dous novos episodios da serie da Real Academia Galega O Seminario de Onomástica responde. Lembra que as Torres do Allo, consideradas o primeiro pazo de Galicia, se comezaron a construír entre finais do século XV e comezos do XVI. Esta alfaia da arquitectura civil serviu posteriormente como modelo das casas señoriais e arredor dela medrou a parroquia do Allo. Porén, o nome da freguesía está documentado con anterioridade e nada ten que ver con elas, apunta Xosé María Lema.

O académico correspondente destaca a teoría que sostén que o nome do Allo procede do latín angulum, que significa ángulo ou meandro dun río. “No paso do latín ao galego, deu lugar primeiro a anllo e despois, neste caso, a Allo”, detalla.

Canto ao lugar veciño de A Cebola, ao contrario do que tamén puidera parecer, o seu nome tampouco é un fitotopónimo, un nome de lugar con orixe na denominación dunha planta. “É unha creación festiva replicante dos propios veciños con referencia ao Allo. Seguramente dixeron: Se ti es do Allo, eu son da Cebola”, conclúe Lema Suárez.

O concello de Zas é tamén protagonista da derradeira sesión deste ano da campaña Toponimízate, falámosche dos nomes da túa terra, que terá lugar o luns 28 de novembro no IES Maximino Romero de Baio (16.30 horas). Será unha sesión aberta a todo o público na que a veciñanza aprenderá como pode colaborar na recolla de nomes de montes, leiras, regos e outros microtopónimos a través da aplicación Galicia Nomeada.

Á procura de colaboradores para preservar un patrimonio singular Xosé María Lema participará tamén na derradeira sesión, coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, concibida para que a cidadanía coñeza a gran riqueza que constitúe a toponimia tradicional e se implique na súa preservación. O académico asistirá á charla que impartirá o coordinador técnico do Seminario de Onomástica e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, que compartirá tamén a orixe e o significado doutros nomes de parroquias e aldeas de Zas.