Zapatillas con caricaturas dos Beatles rumbo a Holanda dende Camariñas

É a primeira venda internacional da plataforma de comercio ‘on line’ local // Silvia Castiñeiras pensou, de primeiras, que era unha broma cando recibiu o pedido
Comercio local
Manuel Lavandeira
Silvia Castiñeiras recibiu o pedido do cliente holandés a través do Whatsapp. Foto: C. C.

Unhas zapatillas con caricaturas dos Beatles resultaron ser o reclamo perfecto para a primeira venda internacional da plataforma MerCamariñas, que dá servizo de comercio online aos establecementos do municipio. O pedido chegou dende Holanda, e o demandante xa ten no seu poder dous pares das referidas zapatillas (unhas abertas e outras pechadas), logo de formalizar a compra coa tenda Calzados Silvia.

Todo comezou o luns, día 10, cando Silvia Castiñeiras, xerente da zapatería camariñana, recibía unha mensaxe no seu Whatsapp na que se interesaban por unhas zapatillas de home e, concretamente, as que tiñan impresas as siluetas dos míticos Beatles. A petición estaba en inglés pero tamén incorporaba a traducción en castelán. “Ao principio pensei que se trataba dunha broma e deixei a mensaxe en vista, pero non contestei”, afirma Silvia. Cando se parou a pensar un pouco acordouse de que, “efectivamente, esas zapatillas eran unhas das que estaba promocionando na plataforma”. Foi entón cando decidiu respostar á mensaxe para confirmarlle que dispoñía do número demandado e que, ademais, as tiña en dous formatos: abertas e pechadas.

Advertiulle tamén ao cliente “que os custos do envío eran caros e que tiña que facerse el cargo”. Ningún problema; “díxome que iso non lle importaba, que se facía el cargo de todo e que lle mandase os dous pares”. E así foi.

Cinco días depois xa lle confirmou a recepción “e comentoume que está encantado co servizo e que as zapatillas aínda lle agradaran máis do que lle gustaran na foto da plataforma. Ademais, dixo que ía gardar a web para facer futuras compras”, sinala.

Silvia Castiñeiras di que adoita ter entre a súa oferta de zapatillas de casa coleccións que incorporan personaxes famosos. Así, ademais das dos Beatles, tamén dispón de modelos con Astérix e Obélix, O Gordo e O Fraco ou mesmo da serie televisisa La casa de papel. “Á xente gústanlle”, afirma.

A súa zapatería, ubicada en Camariñas, vai camiño de cumprir oito anos e Silvia ten claro que “o futuro pasa por subirse ao mercado online” e por iso se sumou desde o principio a MerCamariñas.