A Xunta lidera o gran respaldo de toda Galicia a O Gran Camiño

O Goberno galego e as catro deputacións, xunto ao proxecto deportivo e turístico de país // Confirma a súa presenza na ronda, do 24 ao 27 de febreiro, o Movistar
Ciclismo
Antonio Pais
OFICIAL Alfonso Rueda e Ezequiel Mosquera pechan, cun apretón de mans, a sinatura do convenio de colaboración, en presenza de José Ramón Lete, no Monte do Gozo. Foto: S. E.

Non podía ser doutra forma, só faltaba facelo oficial coa sinatura do convenio de colaboración. E este martes, nun simbólico marco, o Monumento ao Peregrino no Monte do Gozo, Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, e Ezequiel Mosquera, director de EME Sports, organizadora da proba que devolverá a Galicia unha ronda profesional, asinaron o protocolo de actuación para a colaboración na promoción do evento O Gran Camiño.

A proba, que se vai desenvolver do 24 ao 27 de febreiro de 2022, vaise converter no maior proxecto deportivo de Galicia, para mostrala tamén ao mundo como “camiño de camiños”. Do interese que esperta no eido deportivo dá fe a participación de dez equipos World Tour, a maior categoría mundial, e entre eles do Movistar español, que xa confirmou a súa presenza na proba.

A Xunta non falla para liderar unha cita de tal calibre. Ao acto da sinatura, xunto a Alfonso Rueda, estivo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; e tamén o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz. Non estiveron onte, pero si están detrás co seu apoio, os representantes das catro deputacións galegas. E os dun bo número de concellos, que a ronda percorrerá as catro provincias.

Galicia enteira respalda así un proxecto de país a nivel deportivo e turístico. Para Ezequiel Mosquera, vai ser “un grande evento”. Os organizadores confían “firmemente” na “dimensión que pode acadar”, tanto a nivel deportivo como de promoción e proxección de Galicia.

Alfonso Rueda destacou as vantaxes que supón para a economía galega o binomio deporte-turismo, sobre todo tendo en conta que a proba se celebrará en tempada baixa e no segundo ano do Xacobeo 21-22, cando se espera recuperar o pulso do turismo internacional. Lembrou Rueda que O Gran Camiño, como o Camiño de Santiago, percorrerá nas etapas as catro provincias galegas, defendendo “os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo por chegar á meta”.

Leta Lasa destacou a importancia de que Galicia volva ter unha Volta profesional, tras dúas décadas sen ela. A comunidade poderá mostrar a millóns de espectadores “as súas paisaxes, as súas cidades, os seus atractivos turísticos, culturais ou industriais e o Camiño de Santiago”.

O Gran Camiño está incluída no calendario de ciclismo da UCI para o próximo ano coa categoría 2.1, que posibilita que a metade de equipos participantes sexa World Tour. En total haberá unha vintena de equipos, nacionais e estranxeiros en catro etapas singulares e emocionantes.