“Este Compos non se vai parecer ao da primeira xornada”

Pablo Antas, convencido de mostrarlle ao líder o crecemento do grupo desde a única derrota
Fútbol
Óscar de la Fuente
PATROCINIO Pablo Antas, entre o presidente Antonio Quinteiro e Sonia Pena, xerente de Sonia Pena Peluquerías, que patrocina o dorsal ‘21’ do xogador de Monterroso. Foto: SDC

Despois de adiarse a visita da SD Compostela ao Salamanca CF UDS polas consecuencias da borrasca Filomena, o cadro branquiazul inicia oficialmente o ano 2021 e a segunda volta recibindo este sábado ao líder do Subgrupo 1A de Segunda B, o Unionistas (16.30 horas). O único rival capaz de bater á SD esta tempada chega ao Vero Boquete, pero os de Yago Iglesias ansían demostrar o seu crecemento desde aquel precedente.

O Compos caeu por 2-0 na apertura do campionato, e o centrocampista Pablo Antas móstrase convencido de que a versión deste sábado será moi distinta. “Daquel partido, o que seguro que non se vai parecer é o Compostela que se atoparon alí na primeira xornada. Iso témolo claro. Temos gañas de volver xogar, de facelo contra eles porque aquel partido deixounos un mal sabor de boca a todos de como iniciamos a liga. Estamos con moitas gañas de que chegue o sábado”, apuntou o de Monterroso en rolda de prensa.

O mediocentro admite que a decisión de suspender o partido do pasado domingo foi “acertada” ante o forte temporal, ao tempo que sinala o desexo do plantel de competir logo dun mes sen facelo pola pausa de Nadal. “Neste parón xogamos o Emma Cuervo e un partido co xuvenil, pero non é o mesmo. A competición é distinta, ese ritmo que tiñamos antes é un pouco incógnita porque levas un mes sen xogar un partido oficial. Polas gañas que ten o equipo, por como está traballando, non teño dúbida de que o sábado imos saír con esas gañas para imprimir ese ritmo que levabamos de antes e recuperar sensacións”, confía.

Só o Deportivo foi capaz de ganar a un Unionistas afianzado no liderato, e que apenas encaixou tres goles no que vai de campionato. Pablo Antas destaca o seu bloque. “É un equipo coas ideas moi claras, moi sólido nese 4-4-2 con Aythami e De la Nava arriba, que ás veces é un 4-4-1-1 en fase defensiva. Saben a que xogan, son moi solidarios en defensa e é moi difícil facerlles ocasións. Cando recuperan o balón saben o que fan, contraatacan moi ben, teñen os automatismos moi claros. É un equipo moi ben traballado e será difícil”, vaticina.

CÓMODOS NA CASA. Cun encontro pendente da primeira volta, o Compos inicia a segunda e o balance é bo malia que Antas súmase á opinión xeralizada de que o xogo mostrado ata o momento merecería levar máis puntos. Iso si, o equipo está invicto no Vero Boquete e o centrocampista insta a manter esa liña e mesmo mellorala. “Na casa sentímonos moi cómodos. O ano pasado xa sufrimos unha derrota, a do UD Ourense, e este non pero tamén tivemos dous empates que nos deixaron ese sabor agridoce e temos gañas de volver gañar aquí”, apunta. “Sabemos que polos partidos da casa pasa moito do noso obxectivo. Temos gañas de que chegue o sábado e de gañar, non pensamos noutra cousa”, engade.

Ese obxectivo non é outro que a permanencia. A suspensión da pasada fin de semana provocou que o Compostela caese á zona para xogar pola salvación pero a traxectoria é moi positiva, e preguntado por se había marxe para soñar con algo máis, Pablo Antas foi claro: “De soñar non se vive. Soñar está moi ben, pero o que manda é o que facemos dentro. Sabemos que temos once puntos e queremos sumar os máximos posibles. Se nos alcanza para estar da metade para arriba, perfecto; e se non, pois xa sabemos cal é o obxectivo”.