ALÁN ÁLVAREZ AÑÓN Jugador del Santiago Futsal

“O meu soño é xogar con tres mil persoas en Sar”

Fútbol sala
Antonio Pais
DESBORDE Alán, no Santiago Futsal-Unión Arroyo. Foto: A. Hernández

Ten Alán Álvarez 18 anos (10 de marzo de 2003, Santiago), pero é un “veterano novo” no Santiago Futsal: cumpre a súa terceira tempada no primeiro equipo do club, tras debutar con 16 anos: o máis novo da historia. Non esconde o seu soño, a súa motivación, o obxectivo: “A miña fixación é xogar co Santiago Futsal en Sar en Primeira División”, di.

O primeiro: ten vostede algo de francés, polo seu nome?

Alán ven da Bretaña francesa. É un nome que escolleron meus pais, deulles por aí segundo me contaron. Non ten máis ciencia, nin ramas familiares ni supersticións nin nada. Astérix e Obélix igual eran primos lonxanos, pero non teño información (ri). A miña familia é de Laxe, eu son medio santiagués medio de alí.

Si é certo que é un mozo experto no equipo...

Si, en dinámica do primeiro equipo é meu terceiro ano, tocoume queimar etapas moi rápido e madurar antes do normal. Foi un salto que non ía acorde cos anos, tamén por circunstancias do club. Aquí sempre fun anos por riba do que me tocaba. Este ano tócame ser segundo capitán, con 18 anos... un veterano novo, si. Debutei con 16 anos e medio.

Na Segunda División. Deportivamente, toda unha conquista.

O ano pasado xa foi o ano de asentarme, de xogar con maior regularidade. Con David Rial, fun sempre como da man del: adestroume cando eu era cadete e subiume ao xuvenil, e cando saltei ao primeiro equipo foi tamén con el de adestrador. Son vidas así medio paralelas.

Anos difíciles, tamén. Problemas económicos, pandemia, descenso...

Foron anos de poucas alegrías, de moito traballo e pouca recompensa. Igual eramos dos equipos que máis traballabamos, no que máis compromiso había. Pero acababa a fin de semana e non había froitos. Este ano, un pouco máis de alegrías e un respiro, a verdade.

É o que lle ía dicir, como cambiou o conto esta tempada.

Si. Case que gañamos máis no que vai de esta tempada que no ano pasado enteiro... pero si, desfrutar un pouco máis do fútbol sala porque ao final, coa tensión do ano pasado, coa esixencia e os malos resultados era difícil desfrutar a situación. Por exemplo, para min era un soño adiantado xogar tanto en Segunda, pero non se podía desfrutar, non o permitían os resultados.

Cando gañas pásalo mellor.

Exactamente. Podes pasalo mal, podes ter malas rachas, pero cando gañas todo lévase ben.

Gañar cinco partidos seguidos é impresionante...

É algo que todos asinabamos a principio de tempada, sen dúbida. Aparte nunha categoría moi, moi igualada na que todas as fins de semana ves os resultados e o favorito igual perde... xa se porá en valor a final de tempada, pero cinco gañados e o outro día empate que puido ser una victoria perfectamente. Ten un gran valor, penso.

E agora a Ourense, o luns.

Un óso moi duro de roer, porque ten xogadores que levan moito tempo xogando xuntos, con tres ou catro veteranos con moito saber estar na pista e rapaces de moito talento; porteiro de calidade e con bastante futuro... unha pista moi difícil, quizais pecan de algo de irregularidade pero é o que ten o talento. Teñen de adestrador a Óscar Vivián, dominan varios sistemas e gústanme moito.

Pero non asinamos o empate...

Non. Eu non o asinaría en ningún partido porque sabemos o que somos, e polo noso potencial e o que representamos é inasinable. Se lle preguntas ao resto do equipo, vaiche dicir o mesmo: se mantemos o nivel de esixencia e compromiso, algo no que nos incide moito Chipi, co tema do esforzo, vai ser bastante difícil que perdamos partido algún.

Pon alto o listón...

Hai que poñelo. Sen esixencia non vai o deporte de alta competición.

Séntese vostede importante este ano no equipo?

Si, eu diría que si. O ano pasado, dentro do meu rol, xa tiña certo peso; pero este ano din un paso en canto a soltarme ofensivamente, que o ano pasado tiña un rol máis defensivo, especialista en situacións de un contra un, presionar... este ano creo que teño máis importancia de cara ao gol. Os minutos aí están. Levo catro goles na liga, un na Copa do Rei.

Os seus soños por onde van?

Actualmente non dependes ao cen por cen de ti mesmo. Pero eu si teño unha fixación, que é poder xogar co Santiago en Primeira. Crecín indo a Sar, venres ás nove aí estaba eu. E xusto cando estaba asomando a cabeza chegou o descenso, Santa Isabel... e teño esa fixación, xogar con tres mil persoas en Sar. Por aí pasa o meu soño utópico, máis alá...

Non é tanta utopía... A loitar.

Non teño nada contra Santa Isabel, pero Sar ten esa maxia, finais gañadas e perdidas... o que me fixo enganchar ao fútbol sala está aí, sería volver onde empezou todo. Alí teño os meus primeiros recordos.