{ TWITTER ON THE ROCKS CON TRES GOTAS DE RON }

Retrato do verán de 2020 con Dorian Gray ao fondo

Eleccións
Patricia Hermida

feijóo bond. Listo para pedir un Dry Martini con olivas “revolto, non axitado” (ou era ao revés?) atopamos a @FeijooGalicia. O candidato do PPdeG otea o horizonte acompañado de Corina Porro e destacadas dirixentes dos populares de Vigo. Para despois das eleccións, logre ou non manterse en Monte Pío, vaticinamos un verán de mascarilla azul, moito traballo e algunha incursión en embarcacións de recreo con mariscada. Agardamos que conserve o seu cadro no faiado.

unha estatua para caballero. Subido a unha silla, @G_Caballero_M parece disposto a presidir unha praza galega como esas estatuas de ilustres ancestros (agardemos que non de pasado escravista). A imaxe representa os perturbadores tempos de mítines cando menos peculiares, por mor da pandemia. Logre ou non chegar a Monte Pío, para Caballero vaticinamos un verán de mascarilla vermella (pode cambiala por unha verde a xogo cos ollos), traballo e festas por Vigo (con toda ou parte da familia). Agardamos para el un pouco de mala leite, que é moi tranquilo.

IL COMMISSARIO CASAL. Cun dos colectivos máis afectados pola pandemia reuniuse durante esta campaña @panchocasal: os feirantes. Para o noso comisario favorito, agardamos que resolva o misterioso caso das mareas divididas por Moisés/Charlton Heston.

Aproveitamos o Kit-Kat de hoxe para despedir este Twitter On The Rocks Con Tres Gotas de Ron, e preguntar que verán agardan vostedes despois das eleccións. Os afortunados terán chalet a pé de praia, sen necesidade de loitar por unha desas codiciadas prazas de parquin só para empadronados. Os segundos máis afortunados chegaron a tempo de acadar unha piscina de plástico, aínda que non teñan chalet a pé de praia. E os terceiros máis afortunados son todos os que teñan saúde (acompañada dalgúns cartiños baixo o colchón), que ao final é o que importa como amosou o coronavirus. Xa saben, Carpe Diem que aquí estamos todos de paso.

A NOSA JANE FONDA. Máis alá do seu talento cinematográfico e do seu poderío físico como mestra do aerobic, a protagonista de Barbarella sempre foi unha destacadísima activista política. Opositora á Guerra do Vietnam, musa de Vadim e Godard, feminista antes que moitas e tantas veces detida pola policía norteamericana... Ata o punto de ser bautizada como Hanoi Jane polos críticos de dereitas. O mesmo espíritu combativo amosa @anaponton, que aquí de paso confirma estar en boa forma ao igual que a impagable Fonda. Para Pontón vemos un verán de éxitos e camisetas a raias.

Ferrol mon amour. E despedimos o Twitter On The Rocks desde a nosa queridísima (polo menos para min) Ferrol. Cidade de contrastes, tan de dereitas como de esquerdas, e escenario dun dos últimos mítines de @AntonGomezReino. Aínda así, que gañas de saír da urbe naval, de viaxar e borrar os últimos meses. Viaxemos todos, aínda que sexa por medio de libros, películas ou conversas. Para o candidato de Galicia en Común, sexa cal sexa o seu resultado no Hórreo, vemos un verán de chapuzón en chapuzón. Pode ser en piscinas como o Burt Lancaster do Nadador. Ou ante a praia na que aterriza un Lancaster máis crepuscular en Local Hero. Sexa como sexa, bo verán a todos e que a forza acompañe ante futuros incertos.