A aceleradora galega BFFood consolida seis novos proxectos

Apoiará durante un ano o desenvolvemento destas iniciativas no campo da alimentación
José M. Verdura

Seis proxectos do sector alimentario participarán no primero programa de consolidación da Business Factory Food (BFFood), a aceleradora especializada neste ámbito industrial e que está impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente pola fase de aceleración en 2019. Os proxectos seleccionados acceden a un programa de apoio integral e especializado de 12 meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios específicos concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento mediante un préstamo participativo da Xunta a través de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.

O comité de selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de emerxencia derivadas de pandemias.

IMPULSO. Esta iniciativa, que desenvolve ao mesmo tempo tamén a segunda edición do programa de aceleración, enmárcase na rede galega de aceleradoras, a plataforma StartIN Galicia, que aglutina todos os apoios ao emprendemento do Goberno galego e, máis concretamente, no modelo Business Factory, que aposta pola innovación aberta en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o aeronáutico ou o agroalimentario.

Essence Food, Monkey Markets, Muutech Food, Triple Alpha, Refix – Atlantic Sea Water e Sensebit son os seis proxectos elexidos.

Essence Food é unha iniciativa presentada desde Pontevedra, formou parte da primeira edición do programa de aceleración de BFFood e traballa no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, a partir de excedentes e/ou residuos alimentarios da produción, transformándoos en novos produtos alimentarios de alto valor engadido. Rubén Hidalgo, de Capsa Food (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto no seu paso polo programa de consolidación.

No caso de Monkey Markets, proxecto procedente da Coruña e acelerado na primeira edición da BFFood, baséase nunha ferramenta B2B online que facilita aos produtores europeos do sector alimentario a venda en China e aos importadores chineses a compra en Europa. Rosana Domínguez, directora de márketing de Quescrem, foi a mentora desta iniciativa durante o seu paso polo programa de aceleración e continuará, agora, no de consolidación xunto a Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa e Pablo Gómez, director da división láctea de Clun.

Tamén participa a Muutech food monitoring platform. Esta iniciativa, procedente de Pontevedra e acelerada no primeiro programa de BFFood, permite a recollida de datos de calquera fonte, agregalos e analizalos en tempo real a través dunha plataforma de monitoraxe que facilita ás empresas da industria alimentaria a optimización dos seus procesos e dos custos, tomando de forma áxil decisións informadas. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, encargarase de mentorizar este proxecto durante o seu paso polo programa de consolidación.

Outra das iniciativas que se consolidará é a plataforma de aprendizaxe automática desenvolta por TripleAlpha. Este proxecto coruñés, que formou parte do primeiro programa de aceleración de BFFood, permite replicar calquera planta física de fabricación e optimizar á súa vez os procesos, mediante algoritmos de predición e prescrición baseados en técnicas de analítica avanzada e aprendizaxe automática. Ángel Pereira, responmsable de innovación de Galacteum encargarase da súa mentoría.

No caso de Refix – Atlantic Sea Water presenta unha bebida reconstituínte elaborada con ingredientes naturais e fabricada con auga de mar extraída na Costa da Morte. Será mentorizado por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadisa.

E, por último, atopamos a iniciativa Sensebit. Unha solución, desenvolta por TasteLab, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo que consiste nun software de análise sensorial altamente personalizable por tipo de cliente e sector alimentario co que as empresas poden facer unha análise organoléptica (características físicas que ten un alimento apreciables mediante os sentidos) fiable que lles permite o aforro no ensaio-erro, ao ter en conta ao consumidor. Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade do Grupo Nueva Pescanova, mentorizará esta iniciativa.