25X

A investigación como un
dos pilares do noso sistema

Mª Luz
Couce Pico
Directora científica
do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago
de Compostela.
Xefe de Servizo de Neonatoloxía
María Luz Couce

Agradézolle un ano mais ao Correo Galego a oportunidade de escribir neste suplemento especial do noso Día de Galicia e facer así unha reflexión sobre o significado da investigación no ámbito sanitario. Non cabe dúbida de que a investigación biomédica é necesaria para mellorar a saúde da cidadanía, e a integración da investigación coa práctica clínica garante unha maior calidade dos servizos de saúde e unha mellor e máis rápida achega dos avances científicos ós pacientes.

En palabras de Ramón Gomis “A investigación científica biomédica é a única ferramenta posible para darnos esa resposta que nos permita avanzar na prevención e curación de enfermidades”.

Na era da medicina moderna é de suma importancia que a investigación, asistencia e docencia vaian da man, implicando aos institutos de investigación sanitaria e ás universidades. Así mesmo, é necesaria a innovación e capacidade de transferencia cunha vinculación coas empresas biotecnolóxicas. Temos que pensar nos beneficios a curto prazo pero tamén a medio e longo prazo, e iso significa que hai que seguir investindo en investigación e innovación.

Non podemos bloquear o camiño da investigación. Debemos ter a garantía de que a actividade investigadora e a transferencia de resultados á práctica clínica se desenvolvan e se sustenten cientificamente de forma demostrable. Para o cal é necesario ter centros de investigación cunha masa crítica de investigadores básicos e clínicos motivados que consigan unha maior eficiencia da labor investigadora, que se recoñeza a carreira do investigador acorde á súa labor profesional, e que se valore nos clínicos tamén o seu perfil investigador á hora de ter unha praza pública asistencial.

Estes retos permitirannos progresar nos nosos obxectivos, atraer novo talento e asegurar a renovación xeracional do persoal investigador. Coa reforma da lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación deuse un paso adiante pero aínda queda moito camiño por percorrer.

Sabemos que para mellorar son necesarios máis persoal investigador e recursos; en Galicia, os investigadores temos en xeral unha produtividade científica superior á que nos podería corresponder teoricamente cos recursos dos que dispoñemos, sinal inequívoco de que os recursos de investigación se utilizan mellor que noutros lugares. E ademais cunha participación moi representativa das mulleres, así o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) publicou en xuño de 2022 a súa primeira clasificación coas 5.000 científicas españolas e estranxeiras que investigan en organismos españois, e dentro das 1000 primeiras 58 foron galegas.

E, en particular, no instituto de investigación sanitaria de Santiago de Compostela, no IDIS, tívose no ano 2021 un crecemento do 30% en proxectos competitivos, un 15% máis de publicacións en revistas do primeiro decil no “Journal Citation Report” e 31 novas patentes. Pero é necesario seguir aumentando a actividade científica biomédica na nosa comunidade, o que repercutirá nun coñecemento maior da historia natural das enfermidades e da súa fisiopatoloxía, en diagnósticos máis precoces, en novas terapias e en mellores estratexias de prevención ou protección fronte a elas. Por iso pedimos ás institucións e á sociedade en xeral que nos sigan apoiando. Só así poderemos mellorar.

Bo día de Santiago, Bo día de Galicia