A USC só encherá as aulas á metade

Establece unha distancia de 1,2 metros entre postos, que sube a 1,5 se empeora a situación da Covid // Elimina as restriccións á mobilidade
Aulas
Salomé Barba
USC. Continuará a distribución de material (máscaras, xel, sinalética, etc.) e a intensidade da posta en práctica da ventilación nas aulas e outros espazos seguirán igual. Na imaxe, alumnos estudando na bibioteca da facultade de Bioloxía . Foto: Santi Alvite.

A situación epidemiolóxica en canto á pandemia de coronavirus en Galicia ten a toda a comunidade educativa tomando decisións de última hora para establecer os protocolos antiCovid que rexerán a vida nos centros no vindeiro curso, o 2021/22, que no caso da Universidade de Santiago (USC) dará o pistoletazo de saída o próximo luns, 6 de setembro.

Así, os órganos de decisión da institución académica compostelana celebraron este martes unha xuntanza para decidir as medidas de prevención nas facultades e demais centros universitarios. Entre outras cuestións, tal e como explicou a este xornal o xerente da USC, Javier Ferreira, tamén responsable do equipo Covid da universidade, acordaron establecer unha distancia interpersoal de 1,2 metros, en consonancia co disposto polo Goberno central para outras etapas educativas. “En xeral serán 1,2 metros nas aulas ou tamén un banco si e outro non”, explica Ferreira, o que para efectos prácticos representa “un 50 % do aforo, cando o ano pasado estabamos nun tercio”, sempre que as características das instalacións e da ventilación o posibiliten.

Así, implicará a “presencialidade total practicamente”, aínda que desde a universidade son conscientes de que non en todas as aulas nin en todos os centros será posible. “Temos algúns centros moi masificados nos que non se poderá chegar á presencialidade total”, lamenta o xerente da USC.

Os 1,2 metros entre alumnos nas aulas serán para o caso de que a situación epidemiolóxica sexa de alerta 1 e 2, o que traducido aos niveis utilizados pola Consellería de Sanidade sería o nivel de risco baixo a medio-baixo. No caso de subir no número de casos e demais indicadores de incidencia da Covid, “se subimos a nive de risco alto, 3 e 4, subiriamos a distancia interpersoal aos 1,5 metros”.

Ademais, eliminan as restriccións vixentes á mobilidade intercentros, cafeterías e bibliotecas e os rexistros de estudantes nas aulas. Deste xeito, o acceso estará permitido a persoas que non formen parte da comunidade universitaria e o alumnado non terá que rexistrar a súa presencia e posto ocupado nas aulas.

Mantense activo o programa de Voluntariado Covid da USC, daráselle continuidade ás liñas de axudas ao estudantado para bonos de comedor, conexión á rede e préstamo de material informático, e darán prioridade aos grupos burbulla nas prácticas, tendendo cara a totalidade da presencialidade.