A Xunta relanzará o turismo de Galicia cunha macrocampaña itinerante

Desde hoxe e durante todo o mes de agosto, percorrerá diferentes puntos informando sobre as medidas postas en marcha contra a covid-19
Economía
El Correo Gallego
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, visitou esta mañá o espazo informativo itinerante instalado na Alameda de Santiago de Compostela

No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia vén de pór en marcha unha campaña itinerante de concienciación que percorrerá a Comunidade durante o verán. Nela infórmase aos viaxeiros e aos propios galegos das medidas postas en marcha para garantir un turismo seguro no actual contexto sanitario, así como dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, visitou esta mañá a primeira das accións da campaña, en Santiago de Compostela, onde se situou unha unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo na Alameda compostelana desde onde se achega información á cidadanía e aos turistas cunha mensaxe de responsabilidade, precaución e respecto no actual contexto sanitario.

O espazo informativo está atendido por profesionais da información turística e tamén difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

A Mariña, Rías Baixas e Ribeira Sacra

Está previsto que a campaña percorra Galicia e que estea presente nas sete cidades galegas e municipios turísticos con maior densidade de poboación, que superen os 10.000 habitantes. Así, tras Santiago de Compostela, onde estará todo o día de hoxe, continuará en Ferrol e iniciará o mes de agosto na A Coruña.

Continuará o resto da campaña en localidades que incluirán destinos como A Mariña lucense, a Ribeira Sacra, así como varios destinos costeiros. En concreto está previsto que en agosto visite Ribeira, Rianxo, Betanzos, Lugo, Monforte, Sarria, Viveiro, Ourense, O Carballiño, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Vigo, Nigrán, Baiona e Tui.

A campaña itinerante dá continuidade á batería de medidas postas en marcha pola Xunta para garantir seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario. Enmárcase no Plan de Reactivación do sector turístico aprobado o pasado mes de abril que inclúe accións para promover Galicia como un destino seguro, con accións que axuden a xerar liquidez no tecido empresarial e o incentivar o consumo.