As 2.628 prazas de docentes en Galicia serán distribuídas nun total de 61 especialidades

Máis do 87 % son de novo ingreso, 950 delas para mestres e 1.171 para ensino secundario, entre outras // Os de FP deben esperar
Oposiciones de Educación
Lorena Rey
Opositores momentos antes de empezar as probas de Educación que se celebraron o pasado ano en 23 concellos. Foto: A.V.

Os opositores e opositoras de Galicia a prazas de educación coñecen desde este venres o número de prazas por especialidade para as oposicións deste ano 2022. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou ás organizacións sindicais na mesa sectorial a citada oferta de prazas de docentes. As 2.628 prazas totais están distribuídas en 61 especialidades, das que máis do 87 % son de novo ingreso e as restantes son de promoción interna.

No caso das prazas de novo ingreso, 950 serán para mestres, 1.171 para ensino secundario, 45 para docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para os de artes plásticas e deseño.

No caso da promoción interna, haberá 10 prazas para o acceso ao corpo de inspectores de educación, 298 para optar ao corpo de profesores de ensino secundario e as outras 2 para o de artes plásticas e deseño.

A convocatoria destas prazas, que acumulan as ofertas de emprego de 2021 (xa aprobada) e 2022 (que se aprobará no próximo Consello da Xunta), publicarase antes de que remate o mes no Diario Oficial de Galicia.

os Profesores técnicos de Fp deberán agardar Exceptuaranse desta convocatoria 144 prazas en total correspondentes ás especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, un corpo que desaparece na nova lei educativa estatal e que deberán agardar á concreción que resulte da publicación da lei de FP por parte do Goberno central, tanto no referido ás especialidades que pasarán ao corpo de profesores de ensino secundario como no que atinxe ao desenvolvemento do corpo de especialistas de sectores singulares da FP. En calquera caso, estes postos quedarán aprobados na oferta pública de emprego de educación da Xunta de 2022, para así poder convocalos en canto sexa posible.

Como é normativo, reservarase unha cota do 7 % do conxunto para ser cubertos por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

procedemento habitual en xuño e un concurso de méritos posterior As probas para estas 2.484 prazas (tendo en conta que as de profesores técnicos de FP aínda non se poden convocar) celebraranse nos meses de xuño e xullo polo procedemento habitual. Deste xeito,tal e como mencionou o conselleiro de Educación o pasado martes, dase tranquilidade aos opositores e blíndase a seguridade xurídica do proceso. Ademais, haberá unha segunda convocatoria que consistirá nun concurso de méritos e que, aínda que se descoñece de forma oficial o número de prazas, o conselleiro de Educación xa adiantou que poderían situarse entre as 500 e 600.

Isto parte de que o Ministerio de Educación anunciou no medio do Nadal a súa intención de, transitoriamente e ata 2024, facer cambios no sistema de oposicións para favorecer que os interinos acaden praza e que se reduza ao 8 % a temporalidade no ensino, unha cifra que Galicia xa rexistra.

Dado que o novo real decreto está aínda sen publicar, e que existen dúbidas da súa solidez, a Xunta decidiu adiantar o proceso para ofrecer certezas ás persoas que están a preparar as probas.

Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade en pechar e aclarar o sistema de oposicións para este ano, ademais de ser a que ten unha interinidade docente máis baixa do Estado, un 8 %, fronte ao 25 % de media de España.