As confrarías de pescadores quéixanse pola nula operatividade das capitanías e distritos marítimos
As Confrarías de Pescadores de Pontevedra, por acordo unánime dos órganos de goberno da federación provincial, quixeron expresar públicamente o seu “descontento e malestar” pola escasa ou nula actividade das distintas Capitanías e Distritos Marítimos.
Nun escrito que firma o seu presidente, José Manuel Rosas, denuncian sobre todo estar sufrindo a inoperatividade destes organismos dependentes da Dirección General de la Marina Mercante, nas que non existe atención presencial aos usuarios e se conceden citas previas para a continuación derivar aos profesionais do mar ás Confrarías de Pescadores para realizar xestións que lles son propias.
“Entendemos que todo o mundo ten dereito a garantir e salvagardar a súa saúde e protexerse de calquera risco de contaxio provinte da covid-19, e nós, os das confrarías, tamén!”. Usan como exemplo farmacias, supermercados, panaderías, prazas de abastos, lonxas, etc.. para indicar que “as Capitanías Marítimas, sempre adoptando e cumprindo coas medidas de seguridade regulamentariamente establecidas, deberían atender presencialmente aos armadores do sector pesqueiro, tendo en conta que o seu persoal directivo e administrativo conta cunhas retribucións salariais inherentes ao desempeño das súas funcións”, onde se inclúe a atención e asesoramento aos profesionais do mar.
As Confrarías din que non poden asumir máis o traballo propio de case que todas as administracións relacionadas co eido marítimo-pesqueiro por falta de persoal, aparte de seren as eternas esquecidas polas administracións. Labor que lles agradeceron cunha carta , pro non chega. “Neste intre estamos nunha situación de normalidade relativa e dentro desta tamén deberían estar as administracións, neste caso as Capitanías e Distritos Marítimos. Xa está ben de que tiren polo carro sempre os mesmos”.