As mulleres só supoñen o 9 % dos corpos da Policía Local en Galicia

Estas suman un total de 194 fronte aos 1.984 axentes varóns, segundo datos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do ano 2020 // En Santiago son 10 e 124 en representación masculina
Igualdad
Lorena Rey
antes e agora. A representación feminina nos corpos de Policía Local na comunidade é ínfima. Foto: Gallego.

A presenza de mulleres en determinadas profesións segue a ser baixa a pesar do que se avanzou nos últimos anos en oficios que, no seu día, se consideraban eminentemente masculinos.

O número de prazas de Policía Local en Galicia suman un total de 2.771, das que 2.178 están ocupadas, segundo ven recollido na Memoria de Coordinación das Policías Locais en Galicia do exercicio 2020 elaborada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Estas prazas distribúense en varias categorías que serían a de inspector, oficial, policía, vixiante e intendente. Tan só hai na comunidade 194 mulleres que exercen como axentes locais, mentras a cifra de homes ascende a 1.984. Por provincias, na Coruña é onde máis presenza feminina con 90 axentes. En Pontevedra hai 76, en Lugo 16 e en Ourense 12.

Analizando os datos das sete grandes cidades galegas vemos que en todas elas se reflexa unha notable desigualdade no referente ao xénero. En A Coruña de 391 prazas ao peche do 2020, 323 estaban ocupadas, e destas só 40 correspondían a mulleres. En Santiago de Compostela, de 157 prazas, 134 están ocupadas e 10 fano por mulleres. En Ferrol: 113 prazas, 89 ocupadas, e só 5 son mulleres. Na capital lucense: 145 prazas, 92 ocupadas e 10 mulleres. En Ourense: 135 prazas, 97 ocupadas e 8 mulleres. En Pontevedra, de 123 prazas, 104 ocupadas e 16 mulleres. E por último, en Vigo, de 402 prazas, están ocupadas 339, 35 delas por mulleres.

este ano formarase a 14ª promoción da Policía Local En canto ás cifras de prazas do último proceso de selección centralizado, este ano, na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) formarase a 14ª promoción da Policía Local, da que formarán parte 70 alumnos que xa están a rematar o proceso de selección unitario de Policía Local. A través desta vía cubriranse as prazas comunicadas por 29 municipios, no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos aos que están adscritas 89 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.

En canto aos 29 concellos que comunicaron prazas este ano, trátase dos municipios da Coruña, A Pobra de Trives, Betanzos, Bueu, Carballiño, Fene, Ferrol, Foz, Lugo, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ordes, O Rosal, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

Logo dos tres primeiros exercicios do proceso de selección unitario –avaliación de coñecementos, coñecemento de lingua galega e probas físicas– un total de 169 aspirantes están a realizar o cuarto exercicio no que se refire ás probas psicotécnicas, dos que 25 son mulleres.

Por outra parte, na anterior promoción correspondente ao ano 2021 formáronse un total de 98 alumnos, dos que 13 eran mulleres, que pasaron a cubrir as 94 prazas convocadas por un total de 35 concellos galegos.

o papel da Academia Galega de Seguridade Pública A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Desde finais do ano 2015, a Academia impulsou un novo horizonte formativo ampliando a entrada de novos colectivos e asumindo novas competencias no ámbito policial, xudicial e das emerxencias.