Chegou o momento de ampliar a fin de semana e reducir a xornada laboral?

Expertos e sindicatos cren que mellorarían produtividade e conciliación, e aumentarían o consumo e o emprego // CCOO de Galicia apunta que o actual momento de crise non é o máis adecuado para levalo a cabo // “Un alemán traballa 40 días menos que un galego ao ano. Ten que ser un obxectivo no mundo do traballo eliminar esa falsa idea do presentismo como unha cualidade positiva”, di a CIG // A patronal galega non quere, de momento, expoñer a súa postura
Economía
Xavier Cea

A pandemia de COVID está cambiando as nosas vidas, moi rápido. Estanos obrigando a repensar e reconducir a organización, os hábitos e a forma de relacionarnos. Desde logo, na primeira liña desta transformación está o traballo, o xeito de desenvolver a nosa actividade e onde, aínda que isto xa vén de antes. Desde hai anos chégannos avisos de moitos expertos e axentes sociais que din que abusamos do presentismo laboral e indican que as xornadas moi prolongadas baixan a produtividade. O confinamento, as condicións especiais para evitar os contaxios e os expedientes de regulación de emprego recolocaron isto no foco, esta vez con máis nitidez e elementos de xuízo máis visibles. Tempo continuado de actividade, descanso, conciliación, hiperconexión. En Galicia traballamos máis horas que en bastantes países de Europa. É oportuno reducir a xornada laboral? Chegou o momento de ampliar a fin de semana a tres días?


Vexamos, primeiro, que din varios expertos do mundo académico. “Está demostrado que se as persoas traballan menos horas son máis produtivas” e o feito de teren máis tempo de lecer “favorece o consumo”, explica Daniel Toscani, profesor colaborador dos Estudos de Dereito e Ciencia Política da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Outro docente colaborador dese campus, Manel Fernández Jaria, apunta as vantaxes psicosociais nos traballadores. “Nos casos en que se aplicou este tipo de cambios sempre apareceu un aumento do benestar percibido e unha mellora na produtividade”. Ademais, habería que ter en conta o crecemento do emprego pola contratación de persoal para cubrir as horas que deixan de traballar outros, e a aparición de proxectos pequenos de emprendemento, segundo sinala Antonio Fernández García, dos Estudos de Dereito e Ciencia Política da mesma universidade.


“TODOS SAÍMOS GAÑANDO”

Mar Martín González, secretaria de Política Sindical, Saúde Laboral e Medio Ambiente de UXT Galicia, precisa que a media de horas semanais traballadas na comunidade galega é de 38,4, e en todo o territorio español de 37,4. Por sexos, os homes chegan a 40,5 horas semanais (39,6 no conxunto do Estado) e as mulleres a 36 (34,6 en España). Se temos en conta que durante o ano 2020 houbo moitos traballadores e traballadoras en ERTE e contemplando nestas medias as xornadas a tempo parcial, así como as situacións de ILT e as horas extras, “podemos falar dunha media moi elevada de horas á semana en Galicia, por encima da media nacional española”. Desde UXT reivindican unha transición encamiñada á xornada semanal de 32 horas. Mar Martín apunta que os cadros de persoal necesitan formación en competencias tecnolóxicas e dixitais para non quedar atrás fronte a Europa, “por iso propoñemos 4 días de traballo e 1 día de formación”. Para Galicia, polas súas particularidades de dispersión das poboacións e moita poboación rural, con moitos desprazamentos ás grandes cidades, “sería un condicionante moi positivo acurtar os días efectivos de traballo á semana. Se como traballador ou traballadora contemplas a posibilidade de que a túa fin de semana ou que o teu descanso sexa de tres días no canto de dous, a túa motivación elévase e a túa eficacia e produtividade elévase tamén”.


Desde CCOO de Galicia, Maica Bouza, Secretaria de Emprego e Previsión Social, afirma que reducir xornada “é unha iniciativa desexable para superar a cultura do presentismo, se ben o actual momento de crise non é o máis adecuado para poñela en práctica. Está comprobado que máis horas de traballo non implica maior produtividade; de feito, en España trabállase máis que na media da UE, pero a produtividade é menor”. “Hai diferentes estudios que demostran que hai unha relación directa entre improdutividade e longas xornadas laborais. Ademais, unha redución de xornada permite mellorar a conciliación da vida persoal e familiar coa laboral, o que redunda en satisfacción e maior compromiso coa empresa. Pola súa parte, as compañías reducen parte dos seus custos. Maica Bouza engade que “o tempo libre é beneficioso para as persoas e para a economía, porque dispoñemos de mais tempo para desenvolver actividades de ocio, culturais ou mesmo de consumo.


A CIG tamén está a favor de acortar os tempos laborais. Argumenta que con xornadas que abranguen todos os días hábiles de luns a venres do ano é inviable calquera adecuación da vida familiar á laboral. Ademais, considéraa unha medida de reparto do traballo necesaria. Nunha empresa cunha xornada laboral tan longa é necesario ter menos persoas que noutras coa mesma carga de actividade noutros países de Europa con xornadas menores. O sindicato recoñece como “unha evidencia” que os sectores e entidades con tempos de actividade reducidos e máis medidas de adecuación son máis produtivas. “Ten que ser un obxectivo no mundo do traballo eliminar esa falsa idea do presentismo como unha cualidade positiva”. Sobre a fin de semana de tres días indica que “podería ser unha das medidas”, aínda que “a curto prazo é necesario reactivar a negociación colectiva e baixar considerablemente a xornada laboral anual. A diferenza entre o estado español e Alemaña está entorno as 300 horas anuais. Ou o que é o mesmo, un alemán traballa uns 40 días menos ao ano que un galego. E non vale a tan manida escusa da patronal de que iso ten que ver con que neses países son máis produtivos. Podemos poñer como exemplo o sector do automóbil: non hai en Alemaña ningunha empresa da automoción que poida fabricar 600.000 coches cun cadro de persoal que apenas supera os 6.500, como sucede na factoria de Vigo. Tamén pensamos que a xornada laboral de 6 horas sería outra das opcións, sobre todo nas empresas que traballan a quendas de mañá, tarde e noite. Engadindo así unha cuarta quenda”.


Os especialistas da UOC mencionados antes tamén cren que habería que superar a tendencia a estar fisicamente na oficina porque moitas veces non se realizan as funcións esperadas e hai tempos improdutivos. “A partir dun número determinado de horas, a atención non é a mesma”, e a iso hai que sumar os efectos psicolóxicos dun posto de traballo “baleiro”. “Afecta directamente á motivación, a capacidade de traballo e a autoestima e pode contribuír a crear a síndrome de desgaste profesional”. Unha posible solución é a do traballo por obxectivos, sempre e cando non sexan postos con necesaria presenza física. En calquera caso, “marcar metas concretas aos equipos axúdaos a ter claras as prioridades e ser máis eficientes na autoxestión das obrigacións”. En canto ás empresas que teñen obxectivos só orientados a beneficios, “a xente non quererá traballar moito tempo nelas, e os que queden non estarán a achegar todo o seu potencial”.


Os responsables da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) non quixeron manifestarse en relación a isto. Indicaron que é un tema que non está na mesa de diálogo social.