Críticas das anpas á decisión de non cambiar o calendario escolar

Cren que se non vai haber xa exames de recuperación os estudantes de ESO perderán na práctica o mes de xuño
Educación
Salomé Barba
Imaxe de arquivo dos alumnos do instituto compostelano Xelmirez I, en filas separados pola distancia de seguridade, o primeiro día de clase no curso 2020/21. Foto: Antonio Hernández

A Confederación de Anpas Galegas critica a decisión, tomada este xoves, da Consellería de Educación de non modificar o calendario escolar este curso para adaptalo a un novo escenario no que, por mandato do Ministerio, non vai haber exames de repesca. Galicia decidira este ano facer a finais de xuño a avaliación de recuperación, que tradicionalmente se viña facendo en setembro, para, así, ter acabados todos os procesos administrativos dos centros educativos de cara ao curso seguinte.

Con estes exames adiantados, a Xunta cambiou o calendario escolar para poñer as probas finais do curso a principios dese mesmo mes e, así, deixar o resto de xuño para que os alumnos con asignaturas suspensas se prepararasen de cara á repesca. Para elo condensouse o currículo, co fin de adaptalo a un mes menos de clases lectivas.

A semana pasada, o Ministerio decidiu eliminar estes exames extraordinarios, co que os alumnos de ESO de Galicia quedaban cun mes de xuño prácticamente completo sen carga lectiva, xa avaliados pero con clases de reforzo para aprobados e suspensos.

Anpas Galegas explica que o martes desta mesma semana, na cita que mantiveron co titular galego de Educación, Román Rodríguez, “representantes das familias dixemos moi alto que o calendario escolar deste curso había que modificalo con absoluta urxencia; que esa era a primeira medida que había que tomar para iniciar a saída do caos no que os dous gobernos, o español e o galego, nos estaban metendo neste curso escolar”.

“Apoiar e reforzar que se o alumnado xa está avaliado?” Insisten en que a razón da necesidade desta modificación é que se fixo para adiantar para xuño unha convocatoria extraordinaria “que xa non existe” e, polo tanto, demandan ao conselleiro que lles explique “cal é a razón pola que este ano as nosas crianzas na ESO van ter case un mes menos de curso –cos mesmos currículos que anos anteriores– para despois ”apoiar e reforzar”. Apoiar e reforzar que ? se o alumnado xa está avaliado, se xa está suspenso quen teña que suspender, se xa non hai máis opcións, que utilidade vai ter ese apoio e reforzo?, e se o alumnado está aprobado e o sabe, para que quere ter un apoio e reforzo dunha materia que xa dominaron?”.

Este mesmo xoves, tras a reunión do conferencia sectorial de Educación entre o Ministerio e as comunidades autónomas, a Xunta indicou que non cambiaría o calendario deste curso e que xuño estaría dedicado a reforzo de contidos. Entre as posibles explicacións para esta negativa do Goberno galego, as familias ven, por un lado, “unha teimosía absurda en manter as decisións tomadas aínda sabendo que son un completo erro”, e por outra, que a Consellaría “está constantemente escoitando os intereses burocráticos dos centros escolares, que non queren agora pasar o traballo de reorganizar este curso”. “Outra vez máis, como xa foi na xénese desta decisión ridícula, temos unha administración que prefire a comodidade burocrática por diante do interese educativo das nosas fillas e fillos”, subliña Anpas Galegas nun comunicado remitido aos medios.

Así mesmo, pregúntanse se “a cultura do esforzo” da que fala Román Rodríguez consiste en “que o alumnado pase o mes de xuño perdendo o tempo cando podía estar incrementando as súas opcións de aprendizaxe, o en que as familias teñamos que explicarlles aos nosos fillos e fillas por que están nas aulas cando xa están todas as decisións tomadas”. “A cultura do esforzo desta consellería consiste en que o curso seguinte quede arranxado no mes de xuño, con todos os recursos organizados para o curso seguinte, a costa do futuro das mozas e mozos galegos”, rematan a asociación Anpas Galegas.