Educación asegura que os centros de FP serán seguros

Rodríguez subliña o traballo da comunidade educativa // Promete os docentes que se precisen
Educación
Clara Espiño
prevención. Román Rodríguez, á dereita, supervisando a colocación de mamparas separadoras na uala de informática do CIFP A Xunqueira, en Pontevedra. Foto: Xunta

O recén estreado conselleiro de Educación, Román Rodríguez, subliñou este sábado o esforzo de toda a comunidade educativa para adaptar os centros de Formación Profesional (FP) aos requirimentos hixiénico-sanitarios derivados da covid-19, facendo destes espazos uns verdadeiros “talleres seguros”.

Tamén reiterou o compromiso da Xunta para esta seguridade e para achegar todo o profesorado que sexa necesario co fin de cumprir coas normas sanitarias en canto a seguridade nas aulas e nos talleres de FP. Fíxoo tras unha visita ao CIFP A Xunqueira, en Pontevedra, –o primeiro e único na cComunidade en impartir o ciclo de grao superior en Promoción de Igualdade de Xénero– no que estivo acompañado polo seu director, Rafael Núñez Portela, e na que ambos supervisaron as medidas implementadas no centro, como a instalación de mamparas, a reorganización de espazos ou a instalación de sinalética no chan.

Recordou, ademais, que os centros tamén poderán adoptar outras medidas complementarias como a implantación do ensino semipresencial ou o reforzo de elementos de seguridade, en función das necesidades específicas de cada un. E destacou a complexidade do proceso de adaptación destes centros, no que a docencia se desenvolve nun entorno moi semellante a un entorno profesional e agradeceu a profesionalidade e dedicación dos profesionais neste “atípico retorno ás aulas”.

comeza o día 23 Precisamente este venres coñeceuse a decisión de adiar o comezo do curso nas etapas de secundaria, bacharelato e FP, polo que en vez do día 16 comezarán as clases o 23, unha semana despois, pero de xeito escalonado. E tamén se soupo a última hora que os sindicatos convocantes da folga educativa –CIG, CCOO, STEG e CSIF– decidiron pospoñela e facela coincidir coa nova data de inicio da actividade académica. Esta xornada de folga afecta á educación secundaria, bacharelato, formación profesional, as ensinazas de artes plásticas e deseño así como as deportivas e todas as ensinazas de réxime especial, informan os sindicatos nunha nota.

O obxectivo da Xunta para pospoñer o regreso ás aulas é de reforzar a seguridade sanitaria nas instalacións dos centros educativos. “A decisión tomouse en base a criterios técnicos, toda vez que a planificación inicial para estes centros mudou tras a reunión que o Goberno central convocou para o pasado 27 de agosto”, explica o departamento autonómica nun conunicado de prensa.

O incremento da distancia de seguridade nas aulas a 1,5 metros obrigou aos centros a partir do nivel educativo de secundaria (ESO) a comezar de novo toda a súa reorganización, o que se suma ao gran esforzo que a súa comunidade educativa viña desenvolvendo nas últimas semanas para preparar o curso.

Outras medidas hixiénico-sanitarias Esta decisión de adiar o comezo das clases aos días 23, 24 e 25 de setembro súmase a outras plantexadas esta mesma semana no Consello Escolar de Galicia para facilitar a volta ás clases nos institutos e centros de FP. Estas son a posibilidade de instalar mamparas protectoras nas aulas e talleres ou mesmo de optar pola semipresencialidade no ensino non obrigatorio.

Román Rodríguez reiterou este sábado na visita que, sen dúbida, a principal acción do seu departamento para favorecer o desenvolvemento do curso coas maiores garantías de seguridade sanitaria e calidade educativa vai ser a dotación de profesorado.

Neste sentido, indicou que a cifra de profesores a maiores en secundaria se coñecerá proximamente, unha vez estean pechadas as necesidades dos centros, e recalcou que se contratarán todos os docentes que sexan necesarios. “Así se fixo, tamén, en infantil e primaria, etapas que estas semanas incorporaron 240 mestres de nova contratación”, explica a Xunta.