INCREMENTO DE MATRÍCULA

Moeche pide a Educación o desdobramento da aula de Infantil

No vindeiro curso, esa clase acollería 19 nenos de tres a cinco anos
Educación
Patricia Hermida
Alumnos do colexio San Ramón de Moeche, nunha actividade con mulleres do concello. Foto: Concello de Moeche

Ao contrario que noutros concellos do rural, Moeche experimentou un incremento da poboación de nenos nos últimos tempos. E acaba de solicitarlle á Consellería de Educación o desdobramento da aula de Infantil no CEIP San Ramón (o único existente no municipio). Así foi acordado en pleno ordiario. No vindeiro curso, esta clase acollería a 19 nenos e nenas de idades comprendidas entre os tres e os cinco anos. “Iso fai necesario o seu desdobramento en dúas aulas cos seus respectivos docentes”, indica o concello.

A Xunta estudará esa posibilidade, tal e como trasladou en conversa telefónica coa administración local. Segundo indica o goberno local, “durante moitos anos o noso concello sufriu un descenso na súa matrícula, pero desde hai un tempo vai medrando”. Como recalca a alcaldesa Beatriz Bascoy, “interpretamos o incremento de forma esperanzadora, o futuro do rural está profundamente ligado ás condicións dos seus menores

e aos seus servizos esenciais”.

A mandataria engade que o desdobramento “sempre é aconsellable pero máis nun contexto delicado como o que estamos a vivir a causa das consecuencias da crise sanitaria da Covid-19 e da nova normalidade”.