25X

Mulleres galegas para
lembrar cada 25 de xullo

Ana Prieto Nieto
Deputada do PSOE
por Lugo
no Congreso
Ana Prieto Nieto

Hoxe, 25 de xullo, Día de Galicia, quero lembrar a miña tía-avoa María Prieto, como homenaxe a todas as mulleres que, superando todos os obstáculos, dedicáronse e dedícanse á Ciencia en Galicia. Si, hoxe, no día grande de Galicia é un bo momento para lembrar a todas as mulleres que, dende a Ciencia, fixeron e fan Galicia, e facendo Galicia, fixeron e fan España. María Prieto, a irmá do meu avó, naceu o 9 de marzo de 1908. Estudou a carreira de Farmacia, coma min. Non foi nada fácil para ela. Tiña que ir a Facultade acompañada dunha muller, non podía ir soa, algo impensable e inimaxinable para as universitarias de hoxe en día, entre elas as miñas fillas. O meu avó si podía ir só á Universidade. A súa familia apoiouna; a súa nai, impulsouna a estudar. A miña tía-avoa revelouse fronte ao destino que parecía definitivamente escrito para as mulleres, e tomou a decisión de estudar unha carreira de ciencias, para despois entrar no mundo laboral, tradicionalmente reservado aos homes. Un mundo onde mulleres como ela foron loitadoras e pioneiras. Reivindicaron os seus dereitos. Elas loitaron contra os estereotipos da súa época. Elas son exemplo e iluminan ás mulleres que seguen, que seguimos, o noso propio camino.

En Galicia houbo e hai moitas mulleres intelixentes e brillantes. Onte, as pioneiras abriron o camiño; úneas ás científicas de hoxe a firme vontade de dedicar a súa vida a Ciencia. Lembrando a María Prieto, quero hoxe descubrir a algunas de moitas que fixeron historia, para que todas brillen como as estrelas que namoraron a Antonia Ferrín Moreiras, química, matemática e farmacéutica. A primeira muller que defendeu unha tese sobre Astronomía en España. Foi expedientada polas súas ideas políticas. Lembro, como non, a Isabel Zendal, a primeira enfermeira nunha misión humanitaria. Na “Real Expedición Filantrópica da Vacina da Viruela” puxo en risco a súa vida para coidar dos nenos que actuaban como reservorios das vacinas na “Expedición Balmis”. Ata hai pouco esta enfermeira era apenas coñecida, pero a pandemia provocada pola Covid-19 e a campaña de vacinación contra esta enfermidade, descubriunos a Isabel. Lembro tamén a Ángela Ruiz Robles, unha ferrolá adiantada o seu tempo, que inventou en Ferrol o primeiro libro electrónico; non puido comercializalo porque ningún investidor creu nunha muller. De outra ferrolá, Ángeles Alvariño, pódese dicir que foi a científica galega máis destacada. Oceanógrafa recoñecida a nivel mundial, descubriu 22 novas especies de organismos mariños. Reivindicou o papel das mulleres científicas e a igualdade salarial entre mulleres e homes. Olimpia Valencia, de Baltar, foi a primeira muller licenciada en Medicina, con premio extraordinario e 19 matrículas de honra. Con moitas dificultades, polo seu sexo, abriu un consultorio de Medicina Xeral e Xinecoloxía en Vigo. Muller de esquerdas, participou nos actos públicos a favor do Estatuto de Autonomía do 36. Foi detida en 1937 e represaliada, acusada de galeguista. A farmacéutica Manuela Barreiro, nacida en Viveiro, foi a primeira muller en obter o Bacharelato en Galicia no Instituto de Segundo Ensino de Lugo. Foi a primeira muller licenciada na Universidade de Santiago de Compostela. Tivo que pedir permiso ao Goberno para matricularse, cando os homes matriculábanse libremente. E tivo que solicitalo para exercer a súa profesión na súa propia Oficina de Farmacia en Ribadeo. No diario “O Eco de Santiago” deron a noticia do seu excelente expediente e o “triunfo do feminismo”.

Todas as mulleres aquí citadas son pioneiras da Ciencia en Galicia. Ás galegas de hoxe quédanos moito camiño por percorrer na reivindicación dos nosos dereitos. É unha carreira de fondo. É unha loita contra o movemento reaccionario que percorre o mundo. É unha batalla contra o retroceso en dereitos fundamentais. Hai moitas mulleres derrubando muros, na ciencia e na vida. Entre elas lembro a María Prieto, porque nun tempo escuro fixo brillar a súa intelixencia e o seu valor. Coa intelixencia e valor das mulleres que se dedican á Ciencia, faremos de Galicia una terra na que cada día sexa o Día de Galicia.